Lugares de Cultura achegará a Galicia figuras internacionais

O evento celebrarase entre o 21 e o 24 de xaneiro

A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá o I congreso Lugares de Cultura. Creatividade para o desenvolvemento que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela entre o 21 e o 24 xaneiro de 2009. O evento, coordinado coa Fundación Cidade da Cultura, quere reflexionar sobre as posibilidade das infraestruturas culturais para transformar un territorio. No programa prevese a presenza dunha vintena de especialistas de prestixio internacional. Robert Palmer, director de Cultura e Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa, Maria Rosario Jackson, do Metropolitan Housing and Communities Center de Washington, ou George Yúdice, Director da Rede Interamericana de Estudios Culturais son algúns dos especialistas que confirmaron a súa participación.

No programa, segundo adiantan desde a Consellaría, prestarase atención aos vencellos entre Europa e América ou ás posibilidades de traballo entre a cultura e outros ámbitos. Tamén se amosarán exemplos de infraestruturas culturais relevantes, traballo en rede ou a aplicación da innovación ao ámbito cultural. O evento conta cun comité científico que integra a George Yúdice, Xavier Greffe, Fátima Anllo, Eduard Miralles, Roberto Gómez de la Iglesia, Margarida Ledo e Xaime Subiela.