Pérez Varela anunciou para setembro a retirada da telefonía rural TRAC

Adeus TRAC

O Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, anunciou onte no Parlamento que o sistema de Telefonía Rural Celular (TRAC) comezará a ser substituído por outro que permita o acceso a internet o vindeiro mes de setembro. O TRAC impedía ata o de agora que moitos dos habitantes do rural galego puidesen conectarse a Internet. Tamén na sesión parlamentaria de onte o Partido Popular rexeitou a proposta de mudar o sistema de elección do director da CRTVG, unha iniciativa avalada con vinte mil sinaturas.





Fin do TRAC


Os Fondos de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea e o investimento de 288 millóns de euros por parte do Goberno Central permitirán iniciar o vindeiro mes de setembro a retirada do sistema TRAC de telefonía rural. A mudanza deste sistema era unha das prioridades do Goberno Galego, xa que impedía a conexión a internet dunha grande parte da poboación rural do país. Os actuais teléfonos serán substituídos por un sistema que permite a conexión vía radio e que estará totalmente implantado cara o 2005. Galicia será a primeira comunidade do Estado Español na que se produza esta substitución.
Ademais, Xesús Pérez Varela anunciou que, en paralelo a esta substitución, a Xunta procederá a buscar solucións a aqueles usuarios que soliciten conexión a Internet, analizando caso por caso o mellor xeito de acadala. Pérez Varela cifrou en que haberá unhas cinco mil peticións deste tipo que precisarán de seis millóns de euros para se atendidas.












A CRTVG segue igual



O Grupo Popular do Parlamento Galego rexeitou onte a proposición non de lei presentada co apoio de vinte mil sinaturas e dos grupos da oposición. A iniciativa pretendía modificar a lei de creación da CRTVG no punto que establece que o director deste organismo é elexido directamente polo presidente da Xunta, e delegar esta competencia no Parlamento. Na defensa que realizou desta proposta, o xornalista José Manuel Vega defendeu que a elección tivese que realizarse co apoio de cincuenta dos setenta e cinco membros do Parlamento. Este sistema é o empregado para escoller os representantes doutros organismos coma o Valdor do Pobo, o Consello de Contas ou o propio Consello de Administración da CRTVG. Os traballadores da CRTVG e o Colexio de Xornalistas de Galicia, entre outros colectivos desenvolveron unha intensa campaña solicitando a mudanza do sistema de elección do director. O Colexio de Xornalistas de Galicia xa emitiu un comunicado lamentando o rexeitamento da iniciativa.