Voadora inicia o camiño da creación escénica con Periferia

Feira Galega das Artes Escénicas 2008 - Montaxes

PeriFeria propón unha reflexión sobre o fracaso utilizando como pretexto dramático a festa. Unha festa coas súas dúas caras, que se ocultan e superpoñen continuamente nun xogo divertido para uns e perverso para outros. Non hai alegría sen perigo de dor, e na mesma festa onde uns se atopan e se aman, outros sepáranse e sofren. Esta é a montaxe coa que Voadora inicia a primeira entrega da triloxía Lugares comúns sobre o fracaso, o esquecemento e o paraíso, ademais de supor o seu despegue como plataforma de creación escénica.


Crítica

“Dramaturxias do ex - céntrico.” Por Andrea Pino



O que na vida acontece fóra de foco esixe unha metáfora escénica que sexa coherente coa súa éxtase, unha dramaturxia das marxes que teña na visibilización das compoñentes periféricas dun proceso creativo os seus pontos de fuga. De aí que Periferia bote man de fórmulas carnavalescas estilizadas que ademais de facilitar o esquema estrutural da festa como alternativa liberadora, permiten a incorporación de elementos estranos á ficción que a pervirten, pero que tamén a reinventan e intensifican. A actuación do productor e do técnico de luces da montaxe, que se converten en executantes tan reais como o actor e a actriz que os acompañan, non só mostra os arrabaldos do artificio teatral, senón que revela o carácter ficcionábel dos axentes externos á obra de arte e reforza un discurso desmitificador que aposta formal, temática e conceptualmente pola potencia subversiva do ex-céntrico.

Montse Triola dirixe este xogo case parateatral que aborda con sorna a mitoloxía do perdedor. A montaxe arrisca unha cartografía de tópicos sobre o fracaso co obxectivo de tratalos formalmente á marxe dos dictados da convención escénica. A vella dialéctica entre centro e periferia configura esta celebración dos non-lugares da vida e da escena que ten no metateatro, no humor e na poética fragmentaria e aparentemente anárquica da sucesión de imaxes as súas bazas máis fortes.

Periferia é a primeira entrega da triloxía Lugares comúns, un proxecto que naceu co apoio de CDG e Novo Ciclo-ACERT de Portugal, e que supón o despegue da plataforma luso-galega Voadora.