O fracaso a escena (e á rede)

A última montaxe de Funboa Escénica mestura o formato teatral e a webserie

Unha montaxe teatral sobre o fracaso. Unha obra de teatro, con música orixinal e unha webserie que documenta o propio proceso de creación do espectáculo. Funboa escénica estreaba a semana pasada en Compostela Sigue buscando, unha orixinal proposta que denuncia a situación das artes escénicas e reflexiona con humor sobre os múltiplos fracasos que se superpoñen na actualidade.

O pasado xoves 7 a sala Zona C de Compostela acollía a estrea de Sigue buscando, a última produción de Funboa Escénica. No medio do dioivo que cubriu a cidade ese día, Estevo Azañón e Cristina Balboa puñan en escena o resultado de máis dun ano e medio de traballo. Un espectáculo difícil de definir que viu documentada a súa creación nunha webserie que tamén inclúe elementos de ficción e que á súa vez aparece no propio espectáculo. Unha proposta complexa arredor do fracaso que no, entanto, segundo sinalan os seus promotores, non carece de humor.

O proxecto
Segundo sinala Balboa, directora do proxecto, “ao acabarmos o anterior proxecto da compañía, Oiseau Rebelle, tiñamos unha sensación de fracaso como compañía. Dedicámoslle moito tempo e logo non atopamos difusión nin axuda por parte dos programadores ou de AGADIC. Pensamos que a obra debería ter unha vida máis longa. E a isto sumouse a sensación xeral de fracaso na sociedade, co paro e a crise”. Con estas perspectivas, a directora pensou en montar unha obra arredor deste tema, algo que tampouco ía ser sinxelo. “Contactei con Estevo porque me gustaba o seu traballo, e comezamos a traballar, pero como nin sequera atopabamos un espazo para ensaiar, decidimos facer a serie web”. Este primeiro contacto, dramatizado é o punto de partida da serie.



Episodios
Así, saíron sete vídeos nos que os intérpretes amosan como se vai desenvolvendo a obra. Así con importantes doses de ficción, asistimos a momentos como a busca de financiamento e de espazo para traballar, ás reaccións ante as críticas á propia serie ou a presentación desta iniciativa no Culturgal de 2012. “A serie baséase en improvisacións que xorden no momento en que traballamos para o espectáculo. Falan do xeito en que nos sentimos como xente que se dedica ao teatro, ao ver salas baleiras, ao non cobrar”. Así podemos ver os protagonistas falando a dúo sobre a recepción do proxecto, a presentalo no Culturgal de 2012 ou a asistir a unha manifestación, co pano de fondo da falta de apoio, a precariedade e a constante procura de recursos para desenvolver o seu proxecto.



Montaxe
A proposta deu finalmente na montaxe que se está a representar na Zona C, unha proposta que, segundo recoñece Balboa “é moi difícil de definir. Ten elementos contemporáneos aínda que tamén entramos en escenas moi teatrais”. A proposta conta co tema orixinal Ostia criminal a cargo de Xacobe Martínez Antelo, e dentro da propia acción escénica “a serie aparece cono un elemento máis. Non queremos tampouco desvelar moito porque parte do espectáculo é eses non saber exactamente ao que nos enfrontamos”. En todo caso, a directora asegura que “ao final quedounos un espectáculo con moito humor”.

Ao vivo
Os interesados en ver esta curiosa proposta teñen aínda novas oportunidades entre o 14 e o 17 de novembro no mesmo espazo, con opcións a descontos de contactar a compañía vía Facebook. Logo destas funcións, desde Funboa apuntan que buscarán novos espazos onde representar. “Fixemos un espectáculo moi minimalista que se pode representar en practicamente calquera lugar. Somos nós sós, sen técnicos, tentamos facer todo dese escena, tamén a amosar que xa non se pode nin pagar a un técnico”.