Papeis condenados

Un volume recupera os textos publicados en lingua galega do pregaleguismo

Son papeis anteriores ao galeguismo, antes de Rosalía de Castro, de Murguía, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro e as figuras máis coñecidas da cultura galega. Pero foron escritos en galego e teñen tanta importancia lingüística como histórica. De aí a súa relevancia. Están todos en Papés d´emprenta condenada, o volume editado por Ramón Mariño que nos comenta os catro documentos máis especiais.


Aquí recollemos catro textos comentados por Ramón Mariño
Proezas de Galicia de José Fernández y Neira




Trátase dunha obra propagandística e de exaltación patriótica. Non se pode considerar unha crónica histórica da Guerra da Independencia pola asusencia de ponderación e mesura, pero o seu mérito radica só no feito de estar escrita en galego. Descarga aquí o pdf

Os rogos dun gallego de Manuel Pardo de Andrade




Famoso alegato contra a Inquisición. Descarga aquí o pdf

Primeiro diálogo na alameda de Santiago




Reproducimos o primeiro, pero Ramón Mariño conmenta os tres diálogos nos que se comenta con vergoña e humillación a expedición propagandística e de pouca relevancia militar do xeneral Carlista que tomou a cidade de Santiago sen oposición por parte do exército liberal que, dous días despois da súa partida, volveu entrar en Santiago.Descarga aquí o pdf

Carta de Cristobo ao seu tío don Alifonso de Santiago




Ten a particularidade de que é o único testemuño do levantamento de 1846 que comezou en Lugo e que rematou cos fusilamentos de Carral (ois famosos mártires dae Carral).Descarga aquí o pdf


“É unha presentación especial porque se trata dunha publicación singular” dixo Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na rolda de prensa na que se deu a coñecer Papés d´emprenta Condendada. Un volume que recolle tanto textos publicados como manuscritos escritos en galego entre 1797 e 1846. Non foron dúas datas escollidas ao azar, na primeira (1797) aparece publicado un soneto de Manuel Pardo de Andrade, coñecido liberal que publicou Os rogos dun gallego, famoso alegato contra a Inquisición; mentres que na segunda coincide cunha data moito máis coñecida: o alzamento provincialista de Manuel Solís. “É esta, explica Ramón Mariño, unha data moi importante tanto desde o punto de vista histórico como literario, porque a partir de aí hai unha magnitude de textos abondosos na nosa lingua”.

As peculiaridades
“En 1813 publicouse en Santiago un breve texto xornalístico escrito con moita carraxe por un absolutista, Manuel Freire Castrillón, que lamentaba a chegada ao concello dun exemplar de Os rogos dun gallego, do liberal Pardo de Andrade e denigraba este tipo de publicacións, que comezaban a agromar nesta época e ás que chamou Papés d´emprenta condenada. Aproveitamos este título para chamarlle así aos textos recollidos neste volume” explica Ramón Mariño, o editor desta publicación do Consello da Cultura Galega. Un traballo que pretendeu ser exhaustivo na compilación dos textos, na súa localización e identificación. “Un traballo no que Rosa Aneiros tivo unha importancia destacada polo seu tesón e entrega” apuntou Mariño mentres engade que só se exclúe a produción de panxoliñas porque “esixía un traballo de investigación moito maior”.

Papés d´emprenta Condendada contra con outra característica singular que é a de ter “unha edición conservadora, xa que se procurou facer unha pouca intervención nos textos para que a partir deles se poidan facer investigacións”, afirma Ramón Mariño. Este traballo iniciado en 2002 ten utilidade para coñecer a historia da lingua e literatura galega, a historia da prensa e o serve para o coñecemento da historia de Galicia. Ademais de compilar os textos orixinais, a publicación incorpora textos, fichas notas e notas introductorias de cada un dos preto de setenta escritos recollidos. Pero sobre todo, é un traballo colectivo no que ademais do labor desenvolvido por Ramón Mariño e Rosa Aneiros, destacou a a asesoría de Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, amén de Xosé María Álvarez Cáccamo que colaborou achegando os documentos do seu pais (Xosé María Álvarez Blázquez) que foi un dos estudosos desa época e, coas súas investigacións, deixou moito camiño andado para os que recolleron o seu testemuño.

Na presentación, Henrique Monteagudo apuntou que haberá un segundo volume que recollerá os aspectos históricos, lingüísticos e de comunicación que rodean aos escritos aquí publicados, pero que aínda non conta con data estimada de publicación.