72 escritores percorren a memoria da cidade da Coruña

A AELG e o Concello presentan hoxe á tarde o libro A Coruña á luz das letras

A Concellaría de Cultura da Coruña e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) presentarán hoxe á tarde o libro A Coruña á luz das letras, que edita Trifolium, nunha edición conmemorativa do 800º aniversario da fundación da Coruña. O libro, nacido mercé a un convenio de colaboración entre a Concellaría de Cultura e a AELG, reúne traballos de 72 escritores e escritores que compoñen “un percorrido moi particular polos camiños da memoria”, no que conviven todo tipo de xéneros literarios. “É un libro moi diverso e poliédrico”, afirma Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, “porque nunha cidade conviven varias cidades”. Con todo, para o presidente da AELG, as páxinas literarias do libro reflicten algunhas constantes: “está a cidade simbólica, apoiada sobre lugares como a Torre de Hércules, que nós tomamos tamén como elemento aglutinador, coa luz como guieiro literario. E logo está a cidade soñada, que moitas veces é unha cidade desaparecida, e outras está apoiada na Historia”.


O acto de presentación do volumen será ás 19 h. na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña e nel celebrarase un recital poético no que participarán algúns dos autores do libro: Eva Veiga, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Xulio L. Valcárcel, Salvador García-Bodaño e Xavier Alcalá.
Descarga un adianto da publicación.