A organización cifra en 70.000 os asistentes a Viñetas desde o Atlántico

Os libreiros observaron un baixón nas vendas de álbumes

Miguelanxo Prado, director de Viñetas desde o Atlántico, asegurou que o salón de cómic da Coruña recibiu 70.000 visitantes durante a súa celebración, toda a semana pasada. “Está claro que non hai 70.000 afeccionados ao cómic nin sequera en toda España, pero si que este festival crea novos adeptos”, asegurou Prado a El País. As boas perspectivas de público sinaladas desde a organización de Viñetas non se traduciron directamente nos resultados económicos do Salón. Segundo Juan Carlos Sanmiguel, presidente da Agrupación de Libreiros da Coruña, con respecto a anos anteriores, notouse un “baixón nas vendas” provocado, ao seu criterio, “polo cambio de ubicación do salón e porque non había unha boa sinalización”. Ao criterio do libreiro, é importante que “as editoriais se comprometan con Viñetas para sacar novidades específicas para o salón” e, dese xeito, reforzar o carácter excepcional da feira, xa que “o afeccionado está ben surtido polas librarías todo o ano”. Para Sanmiguel, Viñetas está “perdendo un pouco de forza” e aposta por diversificar a oferta de actividades e explotar máis o aspecto festivo da mostra. Pola outra banda, para a vindeira edición, Miguelanxo Prado apuntou a necesidade de que o Salón medre en espazo e recupere máis presenza na rúa.