Actividades culturais axudan a recuperar a memoria do poboado mineiro de Fontao

Os actos pretenden recrear a vida dun espazo mineiro nun enclave rural

Desde hai varios anos, a Consellaría de Vivenda amosa un interese por recuperar a memoria histórica de Fontao (Vila de Cruces). Nun primeiro momento fíxoo rehabilitando as vivendas do antigo poboado e agora inicia unha segunda fase na que pretende recuperar diferentes espazos públicos como o cine, a igrexa e as antigas escolas. No marco desta segunda etapa organiza unha exposición, un ciclo de cine e un certame de narración oral.

A mostra, Fontao na retina abriu as portas esta fin de semana inaugurando así o ciclo de actividades culturais previstas para este mes de agosto. A exposición conta con fotografías achagadas polos veciños que se completan con instantáneas dos anos corenta que se conservan no Museo de Pontevedra. A mostra de cine leva o nome de Documentaria e pretende dar a coñecer filmes que recollan algún aspecto da historia mineira. As proxeccións terán lugar do 28 ao 31 de agosto na explanada existente entre a igrexa e as vivendas.

Por último, créase tamén o I Certame internacional de Contadores de Historias para converterse nun puno de encontro enter culturas mineiras. A cita para as narracións orais será os días 15 e 16 de agosto.

Transformación
A segunda fase de actuacións en Fontao supón a recuperación dos espazos públicos dos que a Consellaría de Vivenda é propietaria. Isto permitirá a conversión do antigo cine nun auditorio; mentres que a igrexa mudará nun espazo de exposición ou museo e as antigas escolas en talleres e aulas de formación.