As Minas de Fontao e San Fins abren as súas portas despois do seu proceso de rehabilitación con dous modelos diferentes

Re-habitar as minas

Foron, e nunca mellor dito, unhas minas. Os lugares que forneceron de materia prima (principalmente vólfram e estaño) para munición ao goberno alemán durante a Segunda Guerra Mundial. As minas de Fontao (Vila de Cruces) e San Fins (Lousame) viviron durante a posguerra española o seu momento de máximo florecemento económico e social. Agora, agroman futuros ben diferentes para ambos lugares.

Buscaban estaño e canda a el atoparon un material máis resistente e útil sobre todo para armamento bélico. O volframio pasou de ser o refugallo do estaño para ter importancia de seu e converterse nun valioso mineral nos convulsos anos de entreguerras. Foi entón cando a “fiebre do ouro negro” se propagou pola xeografía galega, onde as minas deste mineral se converteron nos centros económicos e sociais nunha época na que a emigración e o exilio eran os camiños máis transitados.

San Fins en Lousame e Fontao en Vila de Cruces foron no seu momento dous focos relevantes que viviron o seu esplendor en pleno período de entreguerras. Foron, ademais, os principais centros de exportación mineral durante este momento. Rematada a guerra, as minas foron entrando nun período recesivo ata finais dos anos setenta, cando esmoreceron languidamente ata pechar as portas definitivamente. Ademais de ser focos de atracción de cidadáns na procura de emprego, convertéronse en lugares de lecer no que a xente podía investir os cartos que gañaba. Así, arredor da propia infraestrutura da mina agromou un desenvolvemento social que se concretou en poboados para atender a toda a masa social, arredor da que naceron instalacións de lecer e esparexemento (como un cines que chegou a haber en Fontao con capacidade para cincocentas persoas). Centros, nacidos na maior parte das ocasións, para a que a xente puidera gastar os cartos que gañaba na mina.

Agora, despois de décadas en desuso tanto San Fins como Vila de Cruces os dous complexos veñen de sufrir modelos de rehabilitación ben diferentes.

As minas de Fontao
As minas de Fontao en Vilas de Cruces foi o primeiro dos complexos mineiros en recuperarse. Malia que existía un proxecto inicial do enxeñeiro Enrique Orche, co obxecto de crear un Parque Temático na Minería en Galicia, ao final, o que se fixo foi recuperar exclusivamente a zona do poboado para vivendas sociais.

O proxecto, inaugurado hai dous anos, recupera a estrutura e a forma que tiveron nos anos cincuenta, cando foron os centros que agruparon aos traballadores que viviron o esplendor do poboado. De todos os xeitos, malia que se recuperou a parte máis “social”, as minas seguen a estar nun estado ruinoso e non gardan ningún tipo de relación co proceso de recuperación.

As minas de San Fins
As Minas de San Fins (concello de Lousame) correron unha sorte diferente. En parte polo empeño do Concello de Lousame a da Cámara de Minería de Galicia que quixeron recuperar o contorno mineiro para o uso social. De feito, esta fin de semana poderase ver no marco dunha xornadas a primeira parte dun ambicioso proxecto que converte a antiga mina nun parque temático de índole social, cultural e, aínda que menos importante, económica.

Manuel Álvarez Campana, explica que todo isto botou a andar en “1997 cando se fixo un proxecto para valorar as posibilidades de recuperar para o uso público as minas de San Fins”. Daquel proxecto inicial decidiuse por en valor esta mina “cun uso público de caracter museístico que permitise ofrecer un espazo aberto e pechado (centro de intervención) un modelo aberto e innovador de carácter turístico, recreativo e cultural”. En todo caso, o proxecto dividiuse en tres fases e a primeira delas está a piques de exhibir os seus resultados.

“Na primeira fase, explica Manuel Álvarez que coñece perfectamente o proxecto, centra a posta en valor da mina que consiste na apertura dun centro de interpretación que se remata na antiga escola. É o punto no que se inicia e remata un percorrido que dará a coñecer todo o proceso que seguiu o mineral durante a Segunda Guerra Mundial, con paneis e materiais”.

Esta primeira fase estará aberta en varias semanas, mentres se ultiman as medidas de seguridade precisas nun espazo que conta con numerosos furados e galerías mergulladas na terra. En todo caso, Manuel Álvarez explica que este proxecto foi posible grazas ao convenio asinado entre a Consellaría de Innovación e o concello de Lousame que achegaron 180.000 euros.

As xornadas
Poderase facer o primeiro percorrido polas minas dentro do programa “Introdución á minería no Barbanza” que teñen lugar esta semana. Unhas xornadas organizadas pola Asociación Cultural O Faiado de Boiro que pretende dar a coñecer este tipo de patrimonio na zona do Barbanza. María Luísa López Otero, membro desta sociedade, aproveitou a oportunidade brindada polos lumes do mes de agosto (que sacaron a relucir algunhas das numerosas galerías que están abandonadas nos montes desta comerca) para orientar as xornadas de patrimonio que organizan este ano cara este lado. “No fondo, explica María Luísa, forman parte da nosa vida desde sempre e, como as propias galerías están agochadas e son horas de dalas a coñecer”.