Novos datos sobre Maruja Mallo cando se achega o seu congreso en Viveiro

A Mallo que non cesa

Maruja Mallo foi a musa que inspirou a obra "El rayo que no cesa" do poeta español Miguel Hernández. O dato achégao Jos´eLuis Feris, autor da última biografía sobre este recoñecido autor. Mentres coñecemos estes datos, chégannos as últimas novidades sobre o congreso que en homenaxe á pintora se celebrará en Viveiro o día trinta deste mes.

Hernández e Mallo





"Miguel Hernández. Pasiones, cárcel y muerte de un poeta", título da biografía que vén de publicar José Luis Ferris na editorial Temas de Hoy, revela por primeira vez aspectos ocultos da vida do poeta. Segundo sinala o autor nunha entrevista a "El País", as anteriores biografías víronse sometidas ó flitro do franquismo e da propia viúva de Hernández, Josefina que non quería que se coñecesen outras relacións do autor.

Foi ó pouco de realizar o seu definitivo traslado a Madrid, na primavera de 1934, cando Hernández coincidiu na cidade con Mallo, que comezaba a ocupar entón unha cátedra na Escola de Cerámica, outra no Instituto de Segundo Ensino e outra na Residencia de Estudiantes.

Segundo sinala Feris, foi Mallo e non Manresa a inspiradora dos poemas de "El Rayo que no cesa", unha das obras máis importantes do poeta de Orihuela. A relación, de calquera xeito, non durou moito, xa que pouco tempo despois se lle relaciona con María Zambrano e con María Cegarra. A Mallo, pola súa banda, atribúeselle unha relación amorosa con Rafael Alberti antes de marchar de Madrid en 1936 para iniciar un longo exilio.












Congreso



Achégase o congreso co que Viveiro homenaxeará a Maruja Mallo con ocasión dos cen anos do seu nacemento nesta localidade. Aínda que Mallo naceu o dous de xaneiro, o encontro desenvolverase o trinta de marzo. O primeiro acto previsto para ese día será a conferencia de Serge Faucherau, conselleiro artístico do Parlamento Europeo, sobre "O surrealismo de Maruja Mallo". A continuación o teatro Pastor Díaz acollerá un espectáculo de danza a cargo do Ballet de Carmen Mejuto, e a continuación, no mesmo recinto, o grupo de teatro o Instituto Lucense de Expresión Artística escenificará o cadro "Guía Postal de Lugo", agasallo de Maruja Mallo á Deputación. Para rematar os actos, haberá unha conferencia baixo o título "Amor, pintura e poesía: Maruja Mallo e Rafael Alberti" que incluirá a lectura dun poema dedicado á pintora.