Unha mostra fotográfica amosa a visión da vellez de sete novos creadores

Os vellos vistos polos novos

A idea partiu do fotógrafo ferrollán Vari Caramés, e farase realidade o vindeiro mércores en Compostela cando se inaugure "Imaxes maiores". Sete fotógrafos de menos de trinta e catro anos amosan a súa visión sobre a terceira idade. Mentres, Pontevedra acolle unha mostra de carácter didáctico sobre as vangardas artísticas organizada por Caixa Madrid.

Sete visións





"Imaxes maiores" é o título da mostra na que Jorge Meis, Andrea Costas, Óscar Cela, Zoraida Marqués, Enrique Lisa e Cristina Rodríguez aportan, coma novos fotógrafos a súa visión sobre a terceira idade.
Cada un deles aporta entre sete e nove fotografías en cor ou branco e negro. Entre as propostas temos as visións de persoas maiores que continúan realizando o seu traballo ou os retratos de Zoraida Marqués, que caracteriza ós anciáns coma naqueles oficios que querían desempeñar e non puideron.

A maior parte destes novos fotógrafos saíron da facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Está previsto que a mostra continúe por outras localidades galegas logo da súa estancia en Compostela.







Vangardas didácticas


Caixa Madrid achega a Pontevedra a mostra "A aventura das vangardas", unha exposición didáctica de vintenove paneis e quince copias de obras de arte que pretende introducir ós visitantes no o mundo das vangardas de comezos de comezos do século XX.

Partindo do Impresionismo de finais do século XIX, e seguindo co modernismo e o simbolismo amósanse os primeiros movementos innovadores da arte.
A mostra continúa con movementos coma o Fauvismo, o Expresionismo, o Cubismo ou o Futurismo, desenvolvidas nos primeiros anos do século XX.

A continuación vense expresións posteriores á II Guerra Mundial coma o Expresionismo Abstracto, o Land Art, o Pop Art ou o mínimal entre outros.

A mostra pode verse no local desta entidade na Capital do Lérez, nas proximidades da Basílica de Santa María. Entre as obras que se reproducen na mostra hai algunhas clásicas coma a "Roda de bicicleta" de Duchamp ou "O bico" de Brancusi.