O Consello da Cultura reestrutura as súas seccións

Limita o periodo dos membros a 8 anos

11/7/2008 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
24 lecturas | Compartido 0 veces

No ecuador do ano das celebracións do 25º aniversario do Consello da Cultura Galega, o Plenario da institución aprobou onte pola tarde o plan de actividades para o ano 2009, unha reforma das súas tradicionais seccións e un importante acordo para a creación dunha rede de estudos locais que se porá en marcha en breve.

O CCG contará con seis seccións coordinadas por un membro do CCG, e serán: Lingua, Literatura e Comunicación (Victor F. Freixanes), Música e Artes Escénicas (Ramón Castromil Ventureira), Ciencia, Natureza e Sociedade (Francisco Díaz-Fierros), Patrimonio e Bens Culturais (Iago Seara Morales), Pensamento e Sociedade (Ramón Máiz Suárez) e Creación e Artes Plásticas (María Luísa Sobrino). Anteriormente, o CCG contaba con dez seccións e tres comisións técnicas.

Estas seccións desenvolverán as liñas de traballo que aprobou o Plenario para o 2009: "a diversidade cultural de Europa, a pluralidade cultural ibérica ou a posición de Galicia en (e desde) os países de lingua portuguesa, nomeadamente Brasil" e continuaranse con moitas das iniciativas postas en marcha desde a chegada á presidencia de Ramón Villares, coma os foros de debate e os ciclos. Tamén se aprobou a posta en marcha dunha rede cos Centros de Estudos Locais coordinada desde o CCG.

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Plenario, Consello da Cultura Galega, Ramón Máiz, Iago Seara...