A humidade ameaza pinturas medievais en igrexas de Marín e Burela

Tempus Fungit

| Santiago.Redaccion | Seccións: Arte
Compartir:

Diñeiro. Iso é o que fai falta para afrontar a restauración das pinturas medievais da igrexa de Santa María do Campo (Marín), unha xoia románica do século XII ou XIII. Aínda que a restauración xa conta con tódalas autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio, carécese de financiamento para afrontar a obra. Entrementres, as tamén pinturas medievais da igrexa burelá de Vila do Medio, de finais do XV, están ameazadas pola humidade e en pouco tempo iniciaranse as obras de restauración.

Escaseza de exemplares


Non hai moitos exemplos de arte pictórica medieval en Galicia. Os altos niveis de humidade que inzan as igrexas galegas e as frecuentes remodelacións ás que foron sometidas fan que moita da pintura medieval realizada nos interiores destes edificios desaparecera co cabo de tempo. Un exemplo dos ataques da humidade e do deterioro son as pinturas situadas no altar e nun dos laterais da igrexa de Santa María do Campo (Marín), sinala Diario de Pontevedra. Descubertas ó retirar un retablo do altar, o mural representa un Cristo triunfante ó carón de varios anxos con trompetas. Aínda que a parroquia conseguiu tódolos permisos para a restauración e posta en valor turístico e cultural das pinturas, falta o máis importante: o diñeiro. Outras dúas igrexas da zona están pendentes de restauración semellantes: Santo Tomé de Piñeiro e San Xulián. Cultura descoñece cando se poderá acometer a obra.




Burela


A corporación municipal de Burela encargou á empresa Ollarte unha revisión das pinturas de finais do século XV que se atoparon na igrexa da Vila do Medio. O delegado de Cultura, Víctor Edrosa, decidiu chamar ós técnicos de Ollarte alarmado pola presencia de abundante humidade na área das pinturas. "Non nos gustaba a pinta que tiñan", sinalou o edil. A valoración dos expertos foi positiva. Ata o momento, a humidade non está a danar as pinturas, aínda que é preciso facer algunhas obras destinadas a secar a humidade interior da parede na que están asentadas. O Concello de Burela instalará unha drenaxe no lateral da igrexa, segundo sinalou El Progreso.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Marín, Burela, Dirección Xeral de Patrimonio, El Progreso...