Pontevedra acolle unha mostra na que interactúan arte e arquitectura

Arredor dos edificios

Cadros descompostos en volumes. Mesturas de mobles e fotografías. Muros organizando unha exposición. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde hoxe a mostra "Arquitecturas", na que doce parellas compostas por un arquitecto e un artista amosan outras tantas obras que mesturan os dous campos da creacións. Mentres, na Coruña o Colexio de Arquitectos inicia hoxe un ciclo de homenaxes ó arquitecto portugués Fernando Távora. E desde a República Dominicana chégannos noticias da participación de catro galegos nun certame para modernizar a capital deste país.

Arte+Arquitectura





"Arquitecturas" é o título da exposición que organiza o Colexio de Arquitectos de Pontevedra e que reabre a sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta mostra recolle os traballos de doce parellas de creadores compostas por un arquitecto e un artista, doce intervencións nas que o espacio e a súa distribución cobran un importancia fundamental.

María José Caneda e Manolo Figueiras, María José Fariña Busto e Lola Dopico, Teresa Táboas e Antón Sobral, Fernando Agrasar e Antón Pacheco son algúns dos nomes dos vintecatro creadores que interveñen nesta mostra. Segundo explicaron os comisarios da mostra, Antón Sobral e Teresa Táboas, a idea xurdiu da relación que vén mantendo o Colexio de Arquitectos de Pontevedra e a Escola de Restauración. A participación dos artistas e dos arquitectos acadouse mediante unha convocatoria aberta a todos os arquitectos do país. Segundo eles, os arquitectos atoparon unha grande liberdade, ó poder crear sen verse limitados por normativas e limitacións prácticas.

Entre as obras que podemos ver atopamos instalacións coma a realizada polos propios comiarios. Un muro de sacos de cemento separa dúas exposicións fotográficas, unha das cales retrata a arquitectura das zonas ricas mentres a outra recolle imaxes de arquitecturas de zonas pobres.

Outra das instalacións presentes na mostra inclúe unha reorganización espacial do cadro da Gioconda ou a instalación de dúas cadeiras entre os retratos xigantes dos autores, para que o público se integre na obra e na observación das fotografías.











Homenaxe a Távora



O Colexio de Arquitectos da Coruña inaugura hoxe na súa sede unha mostra que baixo o título "Fernando Távora; debuxos de viaxe", recolle cincuenta e tres esbozos de paisaxes deste destacado arquitecto portugués. Esta é só a primeira actividade de toda a serie de homenaxes que se lle dedicará a Távora na Cidade Herculina os vindeiros días.

Así, mañá ás doce comezará un ciclo de conferencias no que o catedrático Andrés Fernández-Albalat, o profesor universitario Alexandre Alves Costa, o arquitecto Álvaro Siza falarán sobre o homenaxeado e a súa obra. Tamén o propio Távora acudirá a este encontro, para asistir despois á inauguraicón da mostra "Fernando Távora-Proxectos" que organiza a Universidade da Coruña na Escola Técnica Superior de Arquitectura. Esta mostra recolle maquetas, fotografías e planos d etoda a traxectoria arquitectónica de Távora.

Ademais, editarase un catálogo que inclúe ademais das imaxes das mostras, textos de Alves Costa e de Álvaro Siza.
Távora está considerado coma un dos arquitectos máis influíntes de Portugal, con ogras tan destacadas coma a reestructuración da Praza Oito de Maio ou a ampliación do Museo Soares dos Reis.






Arquitectos en Santo Domingo


Felipe Peña, Manuel Gallego, Celestino García Braña e Daniel Rivoira son os catro galegos que participarán no concurso de ideas para aportar solucións urbanísticas a Santo Domingo, capital da República Dominicana.

Os catro presentarán as súas propostas o vindeiro mes de abril na capital centroamericana, logo de achegarse ás problemáticas concretas das distintas zonas de actuación en colaboración con estudiantes de arquitectura do país. Así, Manuel Gallego enfrontarase á reestructuración do centro administrativo e político da cidade, mentres qeu Felipe Peña traballará sobre un núcleo deprimido e con superpoboación. Onda eles, arquitectos de toda iberoamérica o Holandés Henk Doll farán as súas propias propostas, sendo publicados todos os proxectos nun libro que publicará o concello de Santo Domingo. Este proxecto é unha continuación do certame Iberoamericano de Urbanismo que se celebrou en Compostela o ano 2000.