Alg-a presenta o seu laboratorio de creación nun encontro internacional sobre a danza

Móv-ete

A danza reivindica o seu espazo dentro das artes escénicas. Por iso, profesionais deste sector reuniranse a partir do sábado en San Simón para reivindicar a súa validez con mesas de debate, exhibicións e creacións. É o Mov-s no que tamén se presentarán diferentes proxectos que están a traballar de xeito independente para promover a creación. Entre eles está o laboratorio que o colectivo galego Alg-a está a argallar en Vigo.

“Responde ao formato de congreso que, aínda que é moi habitual noutras disciplinas, no campo da danza é completamente infrecuente” asume Cesc Casadesús, director do Mercat de Les Flores. É a entidade que da man do Centro Coreográfico Galego, unidade de produción do IGAEM, achegou esta actividade á Illa de San Simón en Pontevedra. Mesas de debate, exhibicións, clases maxistrais… e a presentación de dez iniciativas que grupos heteroxéneos desenvolven en diferentes partes do mundo. “Son 10 proxectos que responden a dez intereses diferentes e, para nós, son traballos de boas prácticas que poden server de exemplo e de inspiración de xente que se está a desenvolver proxectos de artes escénicas” asegura Cesc Casadesús.

Os proxectos
Malia que o encontro pretende buscar un estado da cuestión e ser un revulsivo para o campo da danza, encádrase desta disciplina no marco xeral das artes escénicas. E sobre elas traballan os diferentes grupos que estarán en San Simón presentando o seu traballo. “Hai varios tipos de proxectos, uns son de planificación como, por exemplo o que se está a facer en Barcelona de reconverter espazos industriais para artistas novos” explica Casadesús. Son os “Centros Creació Barcelona” que presentará Esteve Caramés no marco do Mov-s. De Barcelona tamén chega “Plataforma” que aínda que nace na cidade condal pretende agrupar diferentes festivais contemporáneos que se desenvolven en varias cidades e tecer fíos de conexión entre eles. Desde Brasil, Sonia Sobral presentará “Rumos- ITAÚ cultural que está a unir vía internet todas a iniciativas de danza que están agromar na cidade. “Son proxectos moi puntuais e que funcionan no seu sitio de orixe e que poden servir de exemplo” asume Cesc.

Canda eles tamén está Sweet&Tenders (Portugal), Victoria (Bélxica), Mugatxoan (Portugal), ou, o que a plataforma de creación artística Alg-A está a a facer en Valadares (Vigo) co seu Laboratorio desde hai dous anos, aínda que estará a pleno rendemento a partir de setembro deste ano.

O laboratorio de Vigo
Botou a andar hai case dous anos a expensas de conseguir un espazo físico para situar a sede. Entrementres fixeron talleres, residencias artísticas e encontros como “Fronteiras 07” no marco da Illa de San Simón. Foi a colaboración desinteresada da asociación de veciños de Valadares máis a achega do arquitecto Santiago Cirugeda cando conseguiron estabilizar o proxecto de Laboratorio (Alg-a Lab) en Vigo. Valadares achegou un espazo de máis de 2.000 metros cadrados e Cirugeda cedeulles parte dos seus módulos-contentores que foran concibidos inicialmente como vivendas desmontables para Zaragoza. Roi Fernández, coordinador das actividades do laboratorio e membro de Alg-a, a comunidade promotora desta iniciativa, asegura que o proxecto estará a pleno rendemento a partir de setembro deste ano. “Detectamos que había carencias para que os artistas puideran crear as súas obras e propuxemos crear ese espazo no que tiveran cabida moitas propostas, desde arte dixital, multimedia ata as artes escénicas”. O Laboratorio permitirá continuar con actividades como os obradoiros, talleres de escoita e improvisación sonora para cativos, que se combinarán con propostas novas como residencias periódicas para artistas, concertos de cultura sonora, moita actividade escénica pero, sobre todo, a posta a disposición dos artistas dun espazo de produción continuada.

Diferentes iniciativas que se funden nun encontro que ten claro que, as artes escénicas en xeral, e a danza en particular, precisa de máis visibilidade, máis información e máis reflexión para achegarse ao público.