O Premio Nacional de Gravado vén a Galicia mentres lembran a Seoane

De homenaxes e gravados

A profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Ana Soler, vén de gañar o Premio Nacional de Gravado, dotado con dous millóns de pesetas, coa obra "Desnuda y bajando la escalera". Pola súa banda, o pasado sábado, O Grove lembrou a Seoane coa presentación do libro "Homenaxe a Luis Seoane. O Grove, abril, 1980". No acto estivo presente a viúva de Seoane e Isaac Díaz Pardo, entre outros persoeiros. E continuando co gravado, vense de inaugurar en Pontevedra a mostra "Gravados 1991-2001" que recolle a última década de traballo de Anne Heyvaert.

Gravado con premio




"Desnuda y bajando la escalera" é o título da obra coa que Ana Soler, profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, vén de gañar o Premio Nacional de Gravado. Este premio, dotado con 12.020 euros (dous millóns de peseta),, está convocado pola Calcografía Nacional e a Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Ana Soler, orixinal de Sevilla, é a terceira profesora deste centro, despois de Jesús Pastor e de Juan Moro, que se fai con este galardón, e xa acadra o pasado ano o premio Generación 2000 de Caixa Madrid. O gravado gañador combina a técnica de gravado calcográfico cos sistemas electrónicos.












Homenaxe a Seoane


A presentación do libro "Homenaxe a Luis Seoane. O Grove, 1980" que se realizou este sábado na Galería Sargadelos desta localidade serviu para lembrar a figura deste destacado pintor. No mesmo acto tamén se lembrou ó histórico galeguista e escritor Manuel Lueiro Rey, que se encargara da coordinación da homenaxe e da obra.

No acto estiveron presentes Isaac Díaz Pardo, e a Viúva de Seoane, ademais da viúva de Lueiro Rey e de Xesús Alonso Montero, que ensalzou o epsírito de Seoane coma "home de esquerdas".






Máis gravados en Pontevedra


Unha selección dos últimos dez anos de traballo de Anne Heyvaert, francesa residente en Galicia, están recollidos na obra "Gravados 1991-2001" que vén de abrir na sede de Caixa Madrid en Pontevedra. Os gravados que se amosan están realizados coa técnica da calcografía e foron estampapos por ela mesma. Heyvaert é na actualidade profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.