O IGAEM colaborará coa Federación Galega de Teatro Afeccionado

Afección alternativa

O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) vén de asinar un convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado polo que ao organismo público aportará recursos a distintas actividades de formación e exhibición deste tipo de grupos. Mentres, chegan as primeiras noticias do III Festival Alternativo de Teatro, Música e Danza de Compostela que achegará entre 5 e o 23 de marzo, unha grande variedade de espectáculos á capital galega. E desde Pontevedra a Aula de Teatro Municipal será a única compañía galega que participará no VII Certame de Teatro de Reinosa, en Cantabria.

Apoio ó teatro afeccionado


O IGAEM apoiará a totalidade das feiras de teatro afeccionado que se relizarán durante este ano. Este é un dos puntos do acordo que vén de asinar esta institución coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) entidade que agrupa as asociación que organizan estas actividades. Así o IGAEM apoiará as feiras de teatro de Chantada, Cee, Boiro, Noia, A Estrada, Vigo, Verín e O Barco.
Ademais deste apoio, o convenio contempla a colaboración entre as dúas entidades para realizar cursos de formación e para pór en escea obras realizadas por grupos de afeccionados.
A Fegatea está composta por máis de trinta compañías non profesionais das catro provincias galegas e pretende consolidar o panorama do teatro afeccionado en Galicia buscando apoio da Administración.


Alt´2002



A falta dunha semana para o seu comezo, vimos de coñecer un pequeno adianto do que será o III Festival Alternativo de Teatro, Música e Danza de Compostela, que se desenvolverá desde o día cinco ó vintetrés de marzo. Este encontro, organizado polo Teatro Galán e a NASA co apoio de Caixanova e do IGAEM, achegará á cidade algunhas das propostas máis novidosas do panorama escénico internacional onda actuacións do país.
Así, a compañía local Matrile Teatro abrirá coa súa obra "A brazo partido" o programa. Tamén Chévere Teatro representará dentro deste festival a súa obra "O navegante". Ademais, haberá un recital das poetas Anxos Romeu, Lupe Gómez e Ana Romaní dentro do ciclo Sen conTexto, e a Psicofónica de Conxo ofrecerá un concerto para pechar o encontro. Desde Madrid achegarase "La fuerza de la costumbre", unha obra da compañía El canto de la cabra. Ademais destas actuacións prevese toda unha serie de actos que se darán a coñecer o vindeiro luns no Consello da Cultura Galega.




Afeccionados en Cantabria


A Aula de Teatro do Concello de Pontevedra será a única compañía galega que participe o vindeiro quince de marzo no VII Certame de Teatro de Reinosa, Cantabria. Este encontro reúne a compañías de teatro afeccionado de todo o estado. Os pontevedreses achegarán aló a versión en castelán da obra "Un millón de vacas", que retrata a transición do mundo tradicional ó moderno e que se basea en textos de Manolo Rivas.