O IGAEM programará dous novos espectáculos de teatro e un de danza

Artes escénicas e musicais para un ano

O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) porá en marcha durante este ano dúas novas produccións de teatro, a cargo do Centro Dramático Galego, e unha de danza a cargo do Ballet Rey de Viana. Ademais, e dentro do plano de actividades para o 2001, prevese o apoio a grupos privados para promover a danza, a música e o teatro.

Novas produccións


Dúas obras de teatro e unha de danza son os espectáculos que o IGAEM prevé por en marcha durante este ano. As obras teatrais que se porán en marcha serán "A cacatúa verde" e "Rosalía" e prevese a súa estrea para marzo e outubro respectivamente. A primeira delas, da autoría de Arthur Schnitzler, comezou xa os seus ensaios baixo a dirección de Eduardo Alonso. Pola súa banda, a obra "Rosalía" está a ser preparada por Roberto Vidal Bolaño. No apartado de danza, o Ballet Rey de Viana presentará un espectáculo inspirado na tradición musical galega que realizará unha xira polo país. Ademais, prevese que se represente en Madrid, Porto, Cataluña e no Festival Intercéltico de L´Orient.


Zarzuela e promoción


Dentro do ciclo de zarzuela que promove o Instituto, está previsto que para outubro se desenvolvan tres funcións do repertorio habitual do Teatro da Zarzuela nas que participarán coros e orquestras galegas. Ademais disto, o IGAEM promoverá o teatro, a danza e a música mediante convenios asinados con compañías e formacións privadas coa intención de potenciar os circuítos de exhibición.


Formación


As habituais actividades de formación artística que vén desenvolvendo o instituto continuará durante o 2001, coa potenciación da Escola de Altos Estudios Musicais e a continuidade dos cursos de formación técnica e artística, e publicacións sobre o tema.