O IGAEM destina catro millóns en encher de actividade a Rede Galega de Teatros e Auditorios

Feira Galega das Artes Escénicas 2007 - Actualidade

Programar as diferentes actividades (teatro, música e danza) que ofreceu a Rede Galega de Teatros e Auditorios no 2006 supúxolle ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais máis de catro millóns de euros. Unha cantidade que está lonxe dos 207.000 euros que se recadaron no despacho de billetes nese mesmo período. Datos coma este, máis a situación do mercado e das compañías fan parte da “Diagnose do sector das artes escénicas de Galicia” que acaba de presentar o IGAEM.

Canto lle custa ao goberno programar espectáculos? Canto supoñen as subvencións do orzamento total dunha compañía teatral? Canto cobran os actores? Porque non imos máis ao teatro? A resposta a estas preguntas están no documento que o xerente do IGAEM, Ignacio Martín, acaba de presentar no marco da Feira Galega das Artes Escénicas, a “Diagnose do sector das artes escénicas de Galicia”. Un informe elaborado pola empresa “Proxectos” do que se deu a coñecer un avance e que se saberá en toda a súa dimensión o vindeiro mes de novembro (e que se poderá consultar desde o sitio web do IGAEM). Un total de 860 enquisas entre público e non asistentes habituais de espectáculos escénicos e con 57 entrevistas a responsables do sector que ofrecen unha radiografía exhaustiva do sector.

A situación laboral
Dos ingresos dunha compañía o 30% corresponde a axudas directas por parte do Goberno a través das diferentes subvencións que concede anualmente, mentres que o 70% restante corresponde á venda da propia montaxe. Un feito que matizou o xerente do IGAEM, Miguel Martín, quen asegurou que nese setenta por cento tamén hai cartos públicos da parte subvencionada da entrada. Con todo, a situación económica das 112 compañías profesionais que hai no país non gozan de demasiada boa saúde. Segundo a empresa a situación laboral é precaria, inestable, con contratos temporais reducidos no tempo que obrigan aos profesionais a ter outra actividade remunerada e/ou traballar con outras compañías. De feito, o informe revela que o salario medio dun actor está en 8.900 euros anuais e a facturación media é de 100.000 euros. En todo caso, as artes escénicas non é un sector excesivamente profesionalizado, de feito só o 24% está constituído como empresa, mentres que o resto desenvolven a súa actividade de xeito aleccionado.

Das compañías profesionais a maior parte (75%) son de teatro, seguidas de lonxe pola danza (17%) e a maxia (8%). Son empresas reducidas, con menos de cinco asalariados que no caso dos magos se reduce a unha única persoa. Ademais, o informe destaca que non existe especialización e que a propia compañía que produce, tamén se encarga da distribución do espectáculo. De feito, no país só existe unha única empresa dedicada a esta tarefa.

O mercado
O gasto medio por habitante en asistencia a espectáculos escénicos no estado é de doce euros no conxunto estatal, mentres que no mercado galego é menos da metade, en total, uns cinco euros. E precisamente o prezo é o segundo motivo polo que os enquisados aseguran no ir ao teatro. Curiosamente, a primeira das xustificacións é a falta de espazos escénicos que, segundo revelan as estadísticas é un dos indicadores nos que nos situamos no mesmo nivel que o resto do estado (con 70 espazos escénicos ben dotados). O terceiro dos motivos da non asistencia está no feito de que o público asegura non coñecer a programación, nin ten a información suficiente dos espectáculos.

Outras variables
O informe tamén dedica un capítulo a analizar a información que publican os medios de comunicación impresos sobre a situación teatral. Entre as principais conclusións destacan o espazo reducido para as artes escénicas que distribúen de xeito irregular entre teatro, danza e maxia. O teatro é a disciplina que sae mellor parada, malia que a información, polo xeral, contén poucas fotos, en páxinas locais e destinan a maior parte do espazo a falar do Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego, as dúas compañías públicas de teatro e danza. Polo demais, o informe conclúe que non hai unha axenda específica para artes escénicas e que poucas veces se ofrece información de utilidade como a orientación do espectáculo (se é de público infantil, adulto), do xénero, o horario ou o custe.