O MARCO formará parte da delegación galega en ARCO´02

Presentación en sociedade

En menos dun mes dará comezo unha das feiras internacionais de galerías de arte máis importante do mundo: ARCO´02. Un evento que conta este ano con maior participación galega. E entre os vellos coñecidos que se achegarán do 14 ó 19 de febreiro a Madrid hai un novato: é o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (o MARCO) que se presentará en sociedade en Madrid antes de inaugurarse oficialmente (que será o 25 de outubro deste ano). Un edificio que acolleu onte a presentación oficial deste evento internacional e cita ineludible para a arte.

Benvido MARCO




Aínda non abreu as súas portas pero xa conseguíu a aprobación e o beneplático de artistas, directores e múltiples personalidades do mundo plástico. O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, que ten prevista a súa estrea para o vindeiro 25 de outubro, abríu onte as súas portas para dar a coñecer a delegación galega en ARCO´02. Unha cita ineludible coa arte na que o MARCO estará representado dun xeito "divertido, novidoso e participativo" segundo a súa directora, Carlota Álvarez Basso. E é que un stand de 69 metros cadrados, composto por 4.179 botellas de auga mineral (cedidas por Augas de Mondariz) será o aval de presentación do museo no recinto feiral de Juan Carlos I de Madrid onde se desenvolverá o evento do 14 ó 19 de febreiro. Unha cita ineludible para este museo, xa que a feira supón un punto de encontro importante de todas as tendencias artísticas actuais do panorama internacional.


E onte, na presentación de ARCO´02 para Galicia estivo en Vigo a directora da feira Rosina Gómez Baeza, quen aproveitou para destacar a importancia deste novo edificio no futuro do espacio expositivo vigués. Para ela este novo espacio xogará un papel importante, xa que se constrúe no que denominou o "foro profesional máis importante", ademais de representar unha grande "esperanza" en materia artística para a cidade.












MARCO no proxecto Salas


O MARCO acompañará a dous veteranos nesta feira. Por unha banda está o Museo de Arte Contemporáneo de Unión Fenosa (o MACUF) e polo outor o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC). Dúas referencias que continuarán na súa liña de proxección internacional dos artistas galegos como veñen facendo ata hoxe en día.

O CGAC quere este ano facer balance, e por iso, fará un percorrido-repaso da súa traxectoria a través das súas publicacións. E o MACUF levará ó "Proxecto Salas" (que é unha das secciós de ARCO que recollen coleccións institucionais e corporativas). a obra de Manuel Barbadillo, Crespo Foix, Luis Fega, o recén finado Eugenio Granell, Manuel Mampaso, Xosé Freixanes (que expón estes días no Museo do Pobo), Leiro e Din Matamoro.

Completan a presencia galega en ARCO as galerías Ad Hoc, Marisa Marimón de Ourense, Trinta e Vgo, que volven despois dun ano de ausencia.