Luis Bará asegura que o Centro IBBY da Cidade da Cultura abrirá no 2009

IBBY 09

O Centro IBBY para a diversidade cultural será “unha biblioteca física pero tamén un elemento dinamización con actividades de ámbito nacional e internacional”, aseguraba no Parlamento esta mañá Luis Bará, como resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG sobre esta materia. Bará confirmou que o centro abrirá no 2009, un ano antes da celebración do 32 edición do Congreso Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil IBBY. Ademais, Bará explicou que este centro, situado na Biblioteca Nacional da Cidade da Cultura, terá programación dirixida a estudosos e a todos os lectores, con especial atención á comunidade escolar. Ademais, contará coa primeira biblioteca internacional especializada na literatura infantil escrita en linguas minorizadas, fondos que se poderán consultar na rede. Aproveitou tamen para situar a consecución dun centro IBBY en Galicia, como o resultado do “traballo colectivo” realizado a prol da literatura infantil e xuvenil nos últimos anos.