Obras de Xosé Mª Álvarez Blázquez distribuiranse en hoteis e casas rurais do Baixo Miño

Se vas a Tui pregunta por Álvarez Blázquez

As persoas que se hospeden nas casas rurais e hoteis do Baixo Miño terán acceso a unha escolma de libros de Xosé María Álvarez Blázquez, natural da cidade tudense, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras. "Palabra na solaina", organizado pola Consellería de Cultura e Deporte, distribuirá libros deste autor nos establecementos turísticos, dándolle continuidade a un programa que se desenvolve desde o 2006 e no que se poñen ao alcance dos visitantes a obra de autores ligados intimamente a cada zona xeográfica na que se implanta. Serán en total 24 casas rurais e hoteis do municipio os que participan neste programa. Obras de Álvarez Blázquez estarán dispoñibles nos salóns e áreas para o lecer e a lectura coas que contan os establecementos, e ademais un dos libros estará en cada unha das habitacións. O programa está incluído no Plan de Fomento da Lectura.