Escritores galegos e arxentinos xuntaranse para coñecer a pegada da nosa emigración na literatura arxentina

Xenealoxía literaria

As xornadas “Dúas beiras literarias: Galicia – Buenos Aires” reunirán na capital porteña a escritores dos dous sistemas literarios entre os días 18 e 20 de xuño. A actividade, presentada hoxe no Consello da Cultura Galega, está organizada polo P.E.N. Clube de Galicia coa colaboración da Delegación da Xunta en Buenos Aires e o propio CCG. O secretario da institución, Henrique Monteagudo, presentou o evento ao abeiro do convenio subscrito co club de escritores para a promoción da literatura galega no exterior. Polo PEN Clube Luís G.Tosar anunciou o evento como o primeiro dun ciclo anual que, nesta ocasión servirá como homenaxe ao escritor arxentino de orixe galega González Carbalho (1899-1958) no 50 cabodano do seu pasamento. Escritores galegos e arxentinos xuntaranse para dar a coñecer mellor a vida e obra deste escritor que foi un dos máis representativos poetas da súa xeración e cuxa obra reflicte o seu vencello con Galicia. O ciclo de xornadas servirá para comprender a fondura da pegada da emigración galega na literatura arxentina.