O Museo de Arte Contemporánea de Vigo presentarase en ARCO

Marco chega a Vigo

Aínda non se inaugurou, de feito está en proceso de construcción, pero xa se sabe moito sobre o proxecto. Falamos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (o MARCO) que nace coa vontade de converterse no museo máis moderno de Galicia de carácter municipal. De momento, a súa presentación oficial farase fóra de aquí, en Madrid, o vindeiro mes de febreiro na vindeira edición da feira de Arte Contemporáno ARCO. Un evento no que estarán numerosas galerías galegas amosando o máis moderno da arte.

Os datos do Marco




Os datos que se ofrecen sobre o vindeiro Museo de Arte Contemporáneo de Vigo revelan que vai a ser un dos importantes centros museísticos de Galicia. Dotado con 10.000 metros cadrados (dos que 2.960 pertencen ó soto para gardar os fondos do museo), un auditorio (con 200 prazas), unha tenda e un restaurante (rexentado por Toñi Vicente) o MARCO pretende ser un edificio para a difusión da arte local.
O marco xorde cun investimendo de máis de 1.556 millóns de pesetas (9.400.000 euros), que chegan dos fondos estructurais Interreg da Unión Europea e será xestionado no futuro polo municipio vigués.
Unha das principais novidades na xestión deste edificio, e que ofrece xa unha singularidade antes da súa estrea, é o feito de que a súa directora, Carlota Basso foi electa a través de concurso de méritos (algo inusual na dirección deste tipo de edificios).

O MARCO está situado no centro de Vigo, no que antes era o edificio do cárcere, que foi considerado un Ben de Interese Cultural (BIC) en 1990. O edificio está sufrindo un amplo proceso de remodelación do que se mantén unicamente a fachada principal sobre a que os arquitectos encargados da rehabilitación pensaron unha estructura funcional que mantivese a filosofía creativa deste novo centro.

De momento, mentres se continúa coa construcción do propio edificio destacouse tamén a necesidade de ir conseguindo fondos cos que encher as paredes deste novo centro. Nese sentido, a directora Carlota Basso, sen ofrecer ningún tipo de adianto sobre os proxectos nos que se está a traballar, apuntou que se marca un prazo duns 15 anos para conseguir uns fondos axeitados. De momento o único que se sabe é que o novo museo albergará os fondos que hoxe en día forman parte do Museo Quiñones de León (sito no Pazo de Castrelos) que conta no seu haber con obras de Laxeiro, Colmeiro e Lodeiro.












A Arte Galega en ARCO


Fora do seu espacio habitual, Madrid, os organizadores da feira de Arte Contemporáneo, ARCO, deron a coñecer o "cartel" e o programa da vindeira cita. A presentación foi no aínda en construcción, Museo de Arte Contemporáneo de Vitoria (ARTIUM), no que se informou de que unhas 256 galerías chegadas de 32 países ofrecerán as súas últimas creacións. E entre todo este panorama tamén hai un oco para a arte galega en dúas bandas. Por un lado a presentación do MARCO que abrirá as súas portas no vindeiro outono e polo outro a representación galerística dos diferentes centros. De momento, ten confirmada a súa presencia en ARCO para culturagalega a galería ourensá Marisa Marimón, quen achegará obras daqueles artistas que colaboran asiduamente co seu centro, entre os que destaca Salvador Cidrás.