Santiago proxecta converter as naves de Salgueiriños en centros de arte

Espacios de arte

| Santiago.Redaccion | Seccións: Arte
Compartir:

A medio camiño entre o museo e o obradoiro do artista está a Factoría Cultural. Un novo concepto de centro de exposición que se está a poñer de moda en Europa e que consiste na rehabilitación de espacios industriais en centros de arte e de cultura. Este proxecto sitúase en Compostela, e o posible escenario sería as naves de Salgueiriños. Amén deste proxecto, tamén hai novidades nas exposicións en Galicia. Por unha banda Joam Berride leva os seus veleiros a Pontevedra e, pola outra, Josefina Pena Casal exhibe as súas "botixas" no Ferrol.

Proxecto do centro


O concello de Raxoi ten un proxecto para darlle utilidade ás vellas factorías de Salgueiriños. E a solución é aplicar un modelo que xa está proliferando noutras cidades europeas. É a Factoría Cultural que recupera espacios industriais cunha apertura ós últimos movementos vangardistas, incluíndo tamén as artes audiovisuais. Para este proxecto o concello compostelán ten reservado unha partida presupostaria de 50 millóns, ademais de que xa visitou outras cidades europeas nas que se implantou este modelo (Bilbao, ou o Baltric Centre do Gasteshead, unha cidade do noroeste de Inglaterra).





Veleiros en Pontevedra

"Veleiros de estrelas" é o título da exposición coa que Joam Berride recrea a súa visión do mundo marino. Unha exposición que desde onte se exhibe na sala "Teucro" de Pontevedra. Organizada e promovida pola Consellería de Cultura, Berride presenta unha exposición na que ofrece o resultado e a combinación de cores, con harmonía e ritmo na que exhibe o mar. A mostras complétase cunhas pezas da súa serie de aves mariñas.




Botixas


E desde mañá poderanse ver novas mostras artísticas en diferentes salas. Unha na capela de Santa María de Lugo coa exhibición de cerámicas que realizou Pablo Ruiz Picasso (Málaga, 1881- Mougins, 1973). A outra exposición terá lugar na Sala Sargadelos, onde a artista ferrolá Josefina Pena Casal, ofrecerá as súas alegorías de monstros e fabulacións, máis coñecidas como as "botixas". A creadora chega á sala Sargadelos logo de gañar os premios de cerámica e escultura de Villaviciosa de Odón e trala participación en numerosos concursos nacionais e internacionais.

Que che parece esta nova?
17 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pontevedra, Ferrol, Exposicións, Moda...