O Teatro Principal de Ourense cumpre dez anos cun congreso sobre a escea

Dez anos principais

O Teatro Principal de Ourense vén de dar a coñecer a programación coa que celebrará os seus dez anos de actividade. Ubn congreso sobre o mundo da escea, unha mostra de elementos teatrais e un libro sobre a historia deste histórico edificio serán os agasallos para o aniversario. Mentres uns cumpren anos, outros botan a andar, coincidindo coas festas de Bacal, Lugo acolle un festival de teatro afeccionado que se desenvolverá ata o sábado no colexio Sagrado Corazón.

Dez anos


O Teatro Principal de Ourense celebra nestas datas os dez anos en funcionamento logo da súa última rehabilitación. Para celebralo, o edificio acollerá en febreiro o primeiro "Congreso sobre teatro. Dez anos do teatro principal de Ourense". Neste encontro participarán destacados nomes da escea galega e estatal, tanto a nivel de actores, coma Nuria Espert, como en canto a autores ou estudiosos coma Ángel Hueso ou José García Iglesias. Con este encontro preténdese realizar unha posta en común entre profesionais dos distintos ámbitos do teatro.
Ademais deste congreso, organizarase unha exposición de xeito paralelo na que se recollan diferentes obxectos relacionados co mundo do teatro. Traxes, monicreques, carteis, fotografías ou máscaras serán algúns dos elementos que se poderán ver no recinto.
Por se fose pouco, un libro recollerá a historia deste edificio, datado a comezos do século XX, prestando especial atención ó proceso de rehabilitación que sufriu entre 1989 e 1992.

Afección


A asociación "Solidarios en Acción" e o Concello de Lugo organizan un festival de teatro afeccionado que se celebrará desde hoxe e ata o sábado no colexio Sagrado Corazón da Cidade da Muralla.
O festival iníciase hoxe ás oito e media da tarde coa representación de "O enfermo imaxinario" a cargo do grupo de teatro do Hospital Xeral. Para mañá están previstas dúas actuacións. Ás seis e media da tarde a aula de teatro Sagrado Corazón interpretará "O xeneral e as bombas", e ás oito e mdia, Os Trasnos, grupo formado por pais de alumnos, porán en escea "Soledad". O sábado a aula de teatro do Club de maiores de Caixa Galicia escenificará "O cego na feira".