Mostras fotográficas recollen aspectos diversos de Galicia e do Bierzo

Galicia instantánea

Obras de corenta e catro fotógrafos en Compostela; unha mostra sobre árbores; unha sobre a Feira do Caldo do Óso; os traballos dun curso; as fotografías do Bierzo feitas por Ismar. Galicia énchese de mostras que retratan os máis diversos aspectos do país.


44 fotógrafos




O Colexio de Arquitectos de Santiago acolle na súa sede da Casa da Conga unha mostra que recolle os traballo de corenta e catro fotoxornalistas. A exposición, organizada polo Clube de Prensa de Ferrol, comprende 120 imaxes a cor e en branco e negro que, nas máis diversas técnicas, retratan a actualidade e vida cotiá galega nunha visión ecléctica. A mostra poderá verse ata o vindeiro catro de maio.













O Bierzo e as árbores



No Centro Comarcal de Bergantiños poden verse os trinta traballos que o fotógrafo Isidro González "Ismar" realizou sobre o seu Bierzo natal. Baixo o título de "O Bierzo, aquela Galicia", as fotografías recollen diferentes recunchos e paisaxes desta comarca que o artista retratou durante quince anos. Pola súa banda, o Centro Cultural Simeón de Ourense acolle ata o día 28 a mostra "Os secretos das árbores", nas que se poden ver instantáneas de árbores centenarias.













Festas e curso


A Casa da Cultura de Taboada acolle desde hoxe unha mostra de imaxes sobre a Feira do Caldo de Ósos e da celebración do Entroido no concello, realizadas por diferentes autores. A exposición, organizada pola asociación "O Carballo" poderá verse ata o día vinteoito deste mes, e os asistentes poderán mercar as fotografías. Outra exposición que está marcha é a que acolle o Concello de Pontedeume. Nesta mostra poden verse os trinta e tres traballo realizados polos participantes no curso de fotografía que se veu desenvolvendo no concello durante os últimos catro meses. A mostra poderá verse ata o sete de maio, e ó finalizar elixiranse as tres mellores instantáneas, que serán premiadas.