A crítica literaria reivindica a súa importancia no sistema literario galego

A luz da crítica

A crítica literaria foi durante moito tempo o parrulo feo das nosas letras. Os críticos, sacrificados polo mito popular como seres resentidos que arruínan carreiras coas súas interpretacións, cumpren na realidade un papel fundamental na constitución dun sistema literario, animando a lectura e achegando análises e interpretacións sobre obras e autores. Para reflexionar sobre este proceso, a Asociación de Escritores convocou neste mes de setembro, a I Xornada da Crítica, un evento que quere tirar á luz esta actividade.

“As funcións da crítica no sistema literario galego son as mesmas que poder noutros”, explica o crítico e profesor Ramón Nicolás. “Sobre todo no caso da crítica xornalística, trátase de orientar o lector arredor dos valores ou dos deméritos que pode ter un determinado libro”. Pouco coñecida e valorada, reducida a círculos académicos, esta actividade comeza a se estruturar nos últimos anos. En 2005 vía a luz “Elementos de crítica literaria”, un volume colectivo que tentaba clarificar diferentes cuestións encol desta disciplina no contexto galego. Hai agora un ano nacía a sección de crítica dentro da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Este mes de setembro celébrase, na sede do Consello da Cultura Galega, en Compostela, a I Xornada da Crítica Galega. O encontro quere servir para visibilizar e reflexionar encol deste traballo, e dar pé a un futuro desenvolvemento da crítica en Galicia.

Crítica nos xornais
Precisamente é no marco destas xornadas que Nicolás fará unha análise sobre a crítica xornalística no noso país. Nese sentido, este especialista lamenta que “se temos en conta o despegue que se produciu nos últimos anos en relación ao número de libros publicados, a presenza da crítica nos medios de comunicación, tanto prensa como radio, ou mesmo a rede, non ten un paralelismo con ese incremento”. Para alén de cuestións de cantidade, Nicolás tampouco detecta unha evolución no xeito de facer crítica, e mesmo sinala que “aínda que houbo algunha incorporación e tamén algunha baixa, os nomes que están a facer crítica variaron pouco”.

Profesionalidade
Deste xeito, mantéñense no sector eivas coma a falta de profesionalización, xa que Nicolás advirte que “non hai ninguén que se dedique exclusivamente a isto, é inviable desde un punto de vista económico”. Relacionado con isto, está o problema da escaseza de medios que dediquen espazos á crítica. “Os suplementos de carácter literario son moi escasos na prensa escrita, non hai espazos nos xornais. Cumpriría o compromiso de algunhas empresas xornalísticas para pular pola presenza da crítica, que é algo que está recollido en dous artigos da Lei do Libro”. Malia ás eivas do sector, este analista literario é optimista ante os movementos de consolidación do sector. “Coa creación da sección de crítica a AELG e a celebración destas xornadas vexo un espírito novo no sentido do cooperativismo. Agardo que sirva para conseguir un recoñecemento e unha posta en valor da importancia da crítica en Galicia. Quizais esteamos agora mesmo nun momento de transición”, conclúe.

Na academia
Para alén da crítica xornalística, existe unha modalidade de análise literario deste tipo aínda menos difundida. A crítica académica, segundo nos explica Arturo Casas, profesor de Teoría da Literatura, “non ten que preocuparse de ter un publico masivo. Basicamente é investigación científica”, explica, aínda que recoñece que nos últimos anos “a fronteira entre a crítica xornalística e a académica é menos clara que hai algúns anos, probablemente porque os autores e os consumidores das dúas son o mesmo colectivo”. Neste sentido incide en que “o que varía é a función das dúas, no ámbito xornalístico é máis destacable a función divulgativa e comercial”.

A evolución crítica
A relativa invisibilidade deste traballo non impediu, de calquera xeito, que se desenvolvese un certo corpus crítico. “Aínda que non penso que conveña ter nunca unha ollada excesivamente compracente co que existe, tampouco penso que haxa que ser apocalíptico, porque non hai motivo”, explica Casas. “Se ollamos con perspectiva histórica o desenvolvemento da crítica podemos estar moderadamente satisfeitos, aínda que se pensamos na pegada efectiva e real da crítica sería optimista dicir que ocupa un lugar secundario na nosa literatura”. Nese sentido, este relativo afianzamento do xénero vai asociado ao incremento da actividade de investigación universitaria no país. “Da correlación crítica-universidade poderiamos dicir que falamos do mesmo. É certo que tamén se fai crítica académica fóra da universidade, e que tivo unha importancia extraordinaria ata mediados dos anos oitenta, pero a día de hoxe hai unha correspondencia moi estreita”, completa este catedrático.

Ampliacións teóricas
Dentro das necesidades da crítica académica, Casas destaca que “cómpre ampliar a noción de crítica e facer lecturas sociolóxicas e políticas dos produtos culturais. Non se debería identificar crítica con investigación sobre autores”, completa. Dese xeito, o obxecto do traballo “non ten por qué ser só un autor ou un libro. Non debe terse unha ollada centrada exclusivamente nos textos”. No mesmo sentido, Casas ten clara a necesidade de incrementar o diálogo con correntes teórico-críticas de todo o mundo “para clarificar cuestións metodolóxicas e de definición do obxecto da crítica” . Un recoñecemento do traballo do crítico como profesional que precisa dunha cualificación ou a creación de redes de investigación máis flexibles que favorezan investigacións máis dinámicas son outras das eivas que lle apón ao sector.

A historia e o futuro
Malia ás reflexións que estes autores achegan sobre a situación e a propia evolución da crítica literaria en Galicia, na verdade resta aínda moito por investigar dentro deste campo. “Non semella que haxa un interese excesivo en coñecer a nosa tradición crítica, que sería algo interesante para saber mellor de ónde vimos. A historia da crítica galega é algo que está aínda por facer”, conclúe Casas. Polo momento semella que se continúa a facer, e que algunha intención hai tamén de a recoller.