Carballiño acolle o II Festival de Teatro da Rúa e non o do teatro galego

Teatro si, teatro non

Uns si e outros non. Carballiño festexaba por estas datas o ano pasado dous festivais de teatro: un de rúa e outro do teatro galego. Pero este ano soamente se celebra un evento: o II Festival de Teatro de Rúa, que terá lugar do 10 ó 13 de setembro. O outro gran espectáculo, o " Festival de teatro galego" suspendeuse xa que o concello denegou o uso do auditorio municipal debido á execución de obras no centro multifuncional.

O que si: na rúa


As rúas do Carballiño estarán tomadas por zancos desde o próximo luns. É a "Animación Zancomanía" que chegará desde Guadalaxara para ofrecer unha montaxe sobre as antigas celebracións festivas. Os zancos veñen a substituír á pólvora e ós efecto de luz da pasada e primeira edición do festival. Xunto á compañía castelá outras tres agrupacións ofrecerán os seus espectáculos no centro da vila (na Praza Maior e nas rúas adxacentes). Unha delas é "Latirili teatro" de Vitoria coa súa combinación efectista de canto, danza, música, comedia e poesía; outra é a bilbaína "Markeliñe", cun espectáculo medieval; e a única compañía galega, "Os quinquilláns", inaugurará o certame cunha montaxe sobre as aventuras de Gulliver.

Programación do Festival de Teatro de rúa


Para a II Edición do Festival de Teatro de Rúa a organización conta cun presuposto de 9.015 euros (millón e medio de pesetas) que custeará a Deputación, a Concellalía de Cultura e a comisión de festas patronais.
O primeiro día (o 10) os Quinquilláns abrirán a programación ás 19:30 coa obra Gulliver. Ó día seguinte á mesma hora fará o propio a compañía Animación zancomanía con "Os enxeñosos escobazos da mancha". O mércores será o turno de Latirili teatro ás 22:30 con "Missh...eria". Pecha o evento a compañía Markeline con "Aló, Europa" tamén as 22:30.

E os que non: sen festival

Por obras. Por este motivo o concello do Carballiño denegou o permiso para empregar o auditorio do 2 ó 9 de setembro no que se celebraría unha nova edición do "Festival do teatro galego". As obras de climatización que desde o pasado 20 de agosto ata o vindeiro 20 de outubro determinaron que o único escenario posible para a celebración do evento non esté dispoñible. Deste xeito este ano non terá lugar un festival que naceu en 1984 da man das mostras que organizaba a agrupación "Avantar". Os datos da última edición confirmaron a presencia de catro mil persoas e contaron cun presuposto de tres millóns de pesetas (18 mil euros).