Divertimento e Lena premiadas na 33 edición da Mostra do Atlántico Alcances

Atlantismo

En rodaxe. A producción audiovisual galega está de acelerón e por motivos ben diferentes. Por unha banda, "Divertimento" acaba de gañar o premio do xurado e Lena a Caracola do Público dentro da 30 Mostra do Atlántico en Cádiz. E pola outra as diferentes productoras continúan traballando nos seus proxectos: Bren, nunha película de debuxos animados sobre o Cid e Costa Oeste nunha rodaxe sobre Mareas Vivas.

Premios


Dúas empresas galegas competían en cinco categorías na 33 edición da Mostra do Atlántico, Alcances 2001 celebrada en Cádiz. Ó final, houbo premios para todas. En primeiro lugar, a ópera prima do director José García Hernández, Divertimento, alzouse coa Caracola do Xurado. E tamén houbo Caracola para a outra producción galega, a viguesa Lena de Gonzalo Tapia, que obtivo o recoñecemento do público.
Divertimento é a primeira obra de José García Hernández e foi producida por Alta Films e a empresa galega Formato Vídeo, e contou coa presencia do recentemente finado, Paco Rabal.
Por outra banda, Lena é o último traballo de Gonzalo Tapia, protagonizado por Manuel Manquiña e a gran revelación, Marta Larralde.
Dous filmes que contaron co apoio e co financiamento de Televisión de Galicia.

Cid animado


A factoría de debuxos animados que Filmax ten en Compostela, Bren, traballa desde o pasado mes de xuño nun novo proxecto. Trátase de recrear, en debuxos animados, a historia e a lenda de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid. Para esta longametraxe, que conta co asesoramento de expertos na historia de España e da figura do Cid, pretende narrar tanto a súa vida guerreira e amorosa cmo as tramas e as tretas nas que se lle arrebata o seu patrimonio. "O Cid, a lenda" conta cun presuposto de 583 millóns de pesetas e está xa vendido a numerosos países europeos. A súa estrea estará prevista no 2003 en versións en castelán, galego, catalán, valenciano, inglés e francés.

De narcos e outras historias


Unha historia de amizade no marco do contrabando e narcotráfico é a sinopse da nova producción de Costa Oeste. Chámase "Entre bateas" e estará dirixada por Jorge Coira, e conta cun reparto de autores composto por Miguel de Lira, Luisa Merelas, Cristina Espinosa, Antonio Mourelos..... A rodaxe desta nova producción terá lugar a partires do vindeiro día 24 de setembro e conta coa importancia dos escenarios exteriores, nos que haberá numerosas esceas de acción con planadoras.