Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Cinco grupos musicais optan ao premio Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña
Cinco grupos musicais optan ao premio Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña
agosto 2, 2017
Cintadhesiva, Igmig, Mounqup, Pardo e Samarúas son as cinco bandas finalistas que optan á novena edición do concurso musical da Deputación da Coruña que leva por vez primeira o nome do músico Fran Pérez "Narf". Un xurado composto por MJ Pérez, Uxía, Aída Saco, Sergio Tannus e Ánxela Baltar -do grupo Bala, gañador da anterior edición- presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, decidiu seleccionar ás cinco bandas como finalistas ao IX Concurso Fran Pérez "Narf". A banda gañadora decidirase nunha actuación ao vivo diante do xurado no concerto coas finalistas que se desenvolverá o vindeiro 15 de setembro na Sala Malatesta de Santiago de Compostela. "A final terá lugar nun espazo que, nos seus inicios como Sala Nasa, estivo moi vinculado á figura de Narf. Tamén ten a ver con este artista que abriu camiños para a renovación a vontade deste premio de recoñecer artistas emerxentes de calquera estilo musical", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.