Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / A fin da estrada

KATHAARSYS REMATA A SúA XIRA MáIS LONGA

A fin da estrada

ROCK | agosto 11, 2010

imaxe non dispoñible

Foron case cen concertos por toda Europa, o dobre dos previstos inicialmente nunha xira que se prolongou desde marzo. Con moitos máis quilómetros ás costas, os membros de Kathaarsys chegaba á casa a pasada semana. Logo duns días de descanso, cóntannos como foi un periplo que xa nos foron adiantando no noso blog Desde a estrada escura.

“A experiencia foi moi intensa. De todas as xiras foi a máis longa e sobre todo en Rusia vivimos moito o contraste”, resume Marta Barcia, a baixista do conxunto, que destaca a visita a ese país, que non estaba incluído nos plans iniciais. “Como nós estamos sempre a contactar e a traballar, aparecéronnos moitos concertos, como os de Rusia ou Escocia”. O alengamento da xira, que estaba previsto que rematase en abril, deu para abondosas anécdotas, moitas das cales están reflectidas no blog Desde a estrada escura, na sección de colaboradores de Culturagalega.org. “É a primeira vez que prolongamos tanto a xira, non contabamos con seguir ata o verán e íamos máis preparados para o inverno, a verdade é que nalgúns momentos pasamos un calor infernal”. Cando menos, a furgoneta que levou os tres compoñentes e mais o seu equipo por toda Europa, a “Paqui” resisitiu dignamente o periplo. “Ten o parabrisas rachado, pero ímolo reparar. E logo cheira mal, porque aínda non a limpamos ben e foron moitas horas metidos dentro. Tentaron roubarnos a matrícula, pero ao final só a dobraron. Non nos roubaron nada e voltamos enteiros”, explica Barcia.

A campaña rusa
Semella que conquistar Rusia é complexo non só para os exércitos, senón tamén para os músicos, e o país deixou unha fonda pegada no grupo. “A nivel social en Rusia sentímonos como na casa, tratáronnos moi ben. É como falar con galegos. Pero logo detéctase moita desigualdade, mesmo nas estradas. Algunhas están moi ben coidadas, e logo hai outras nas que podes tardar dez horas en facer 500 quilómetros. Logo nas áreas de servizo non hai retretes, e ves coches antigos onda a xente con moito poder adquisitivo”, lembra a baixista. Canda a eses contrastes, as grandes distancias a percorrer foi outro elemento que o grupo destaca do país. “Houbo momentos para esquecer, sobre todo pola cantidade de horas que había que botar na estrada entre concerto e concerto. Foron momentos moi duros, de estar realmente cansos e faltos de sono”, lembra. “En 5.000 quilómetros que pasamos por alí non atopamos tampouco moito xeito de nos conectar a Internet, por iso tamén deixamos cousas pendentes de publicar no blog” que sairán aínda ao longo dos vindeiros días. Malia a que, en xeral, no tiveron problemas no país, sufriron “a corrupción policial, que é moi forte. Houbo unha mañá en que nos pararon en cinco controis, pedindo cartos para nos deixar marchar, e armados con metralletas”.

Grupos que deixaron pegada
Dun xeito ou doutro, está claro que esta experiencia marca un antes e un despois para o grupo, e que tantos quilómetros han deixar o seu pouso. “Só o feito de viaxar ábreche moito a mente. Ves as cousas dun xeito máis amplo e iso nótase tamén a nivel musical. Acabas vendo a música como algo moito máis aberto, sen tantos cánones e leis. E iso enriquéceche moito”. Ao falarmos de posibles influencias que lles poidan ter chegado nesta xira, os membro do grupo destacan, de entre os conxuntos cos que tocaron, o seu reencontro cos romenos Negura Bunget, “están moi consolidados e teñen moi bo nivel, dá gusto tocar con eles”. Outros nomes a lembrar para Kathaarsys son “Averse, de Lille, xa tocaramos con eles e son unha banda con personalidade. E logo tamén está Dismal Lumentis, de Viena. Chama moito a atención porque teñen tamén elementos progresivos, coma nós, e teñen cousas que transmitir”.

Futuros
En xeral, o grupo comprobou que o seu éxito internacional vai medrando, “o disco tivo mellor aceptación que os anteriores mesmo sendo máis experimental”, lembra Barcia. Aínda que recoñece que nos meses de verán “vese que hai menos xente nos concertos en salas porque o público vai para festivais. Isto notouse algo máis Escocia, ou un pouco por Francia e Viena pero en xeral estivo moi ben, e en Rusia tivemos moita xente nos concertos”. De cara ao futuro inmediato, non hai moitos plans de descanso para o grupo. “O nove de outubro imos gravar o DVD en directo na Sala Capitol, en Santiago. Ata entón estamos a revisar ben os temas e preparar todos os aspectos técnicos da gravación”. Por se fose pouco, Kathaarsys está xa a pensar na súa vindeira xira. “Será despois de outubro, cando teñamos o DVD. Faremos algunha presentación en Galicia, e temos datas xa fechadas den Finlandia e Bélxica”. Aos poucos, agardan tamén conseguir que as xiras sexan menos duras. “Xa imos contar cunha persoa que traballará con nós como tour manager, e queremos ir incrementando o persoal para as xiras cun técnico de son. A nivel artístico, anuncian que “queremos facer novos temas. Temos unha época bastante creativa e con ganas de facer cousas novas”. Será cousa de non os perder de vista.