Ao carón de moitos escritores, figuras habitualmente descoñecidas colaboran para que a nosa literatura vexa novas creacións

Compañeiros de letras

Poida que non sempre escribir sexa un oficio tan solitario como pensamos. Para alén da intimidade do acto creativo en si, temos na nosa literatura algúns exemplos nos que o creador contou cunha persoa próxima que era quen o animaba a escribir. Nestas datas en que María Mariño, co apoio de Novoneyra, está de actualidade, lembramos algúns outros exemplos.

En ocasións é posible recoñecelos na dedicatoria. Outras veces os seus nomes só saen á luz en estudos posteriores (e mesmo póstumos) sobre un autor, ou ao revisar á súa correspondencia. Non é estraño, en xeral, que non se lles poida pór nome nin rostro fóra do círculo máis íntimo do creador. Pero están aí. Son moitos os casos de escritores que contan con compañeiros ou cómplices que os animan a continuar co seu traballo, len os seus textos ou mesmo xestionan a publicación de obras que, sen eles, non verían a luz ou nin sequera quedarían rematadas.

Pioneiros
Xa desde o comezo das nosas letras atopamos casos neste sentido. Está claro que a obra de Rosalía de Castro saíu á luz en certa medida polo apoio de Manuel Murguía á súa dona. Para alén dunha primeira crítica positiva ao poema La Flor da padronesa (teórico berce do seu namoro posterior), suponse que don Manuel animou constantemente o labor creativo da esposa e que a implicou tamén no emprego do galego. Ata tal punto ía o seu entusiasmo que chegou a publicar algunha das obras da autora contra o seu permiso. Así foi, por exemplo, o comezo de "Cantares Gallegos", tal e como recoñeceu o propio historiador. "Impreso o primeiro prego dos Cantares, sen que diso tivese nova, viuse obrigada a escribir o resto do libro a medida que as caixas reclamaban o orixinal", explica. "foi dando, hoxe unha, mañá outra, a maior parte das composicións que forman aquel pequeno volume", completa. Non se pode negar que a xogada non lle saíu mal e mesmo, fóra de consideración literarias, semella que conseguiu tirar Rosalía da depresión na que caera logo da morte da súa nai.

Cunqueiro e Del Riego
Aínda hai un par de anos, a exposición do cincuentenario do "Merlín e familia" de Cunqueiro amosábanos a importancia que tivo Francisco Fernández del Riego na xestación desta obra. Segundo explicaba este incansable activista, foi moita a insistencia e múltiples os rogos que lle tivo que dirixir ao autor para conseguir que finalizase a novela coa que se iniciou na narrativa, nun momento en que se atopaba inmerso nunha depresión. Notas, bosquexos e capítulos fóronse acumulando nas mans de Del Riego entre 1949 e 1955 ata que por fin este deu a obra completa ao prelo. Tal e como revela a correspondencia entre os dous amigos, non foi esta a última vez en que o veterano galeguista pulou porque o mindoniense producise e que as súas obras visen a luz.

Pimentel e amigos
Outra biografía literaria que non está completa sen mencionar algúns amigos e colaboradores na creación é a do poeta Luís Pimentel. Anxel Fole e Ramón Piñeiro aparecen, canda a Celestino Fernández de la Vega, coma importantes influencias para o autor. Mesmo se debate ata que punto son responsables de termos obra en galego de Pimentel, xa que hai a teoría de que o autor escribía orixinalmente en castelán e eran estes seus compañeiros de letras os responsables de o verter para o galego. En todo caso, está clara a responsabilidade destas persoas na publicación, maioritariamente póstuma, da obra deste vate lugués, que non amosou en vida especial interese por verse impreso.

Poetas no Courel
De xeito semellante é sabida a importancia que Uxío Novoneyra tivo para María Mariño. Para alén de ser o seu lector, crítico e íntimo amigo, o poeta do Courel foi responsable de que vise a luz, na editorial Celta, "Palabra no tempo", con prólogo de Otero Pedrayo. Tamén foi el quen se preocupou, logo da morte da poeta e en colaboración con Avilés de Taramancos, de dar ao prelo "Verba que comeza", xa en 1992. Canda a isto, Novoneyra introduciu á poeta, minimamente, no ambiente literario da época, presentándolle persoeiros coma García-Sabell, Ramón Piñeiro ou Manuel María. Aínda máis, son varios os críticos que recoñecen a influencia do courelao no estilo da homenaxeadas nas Letras Galegas deste 2007. Isto non é de estrañar xa que ela mesma recoñecía os seus escasos contactos co mundo das letras en xeral, e é precisamente a orixinalidade da súa voz unha das súas maiores calidades, segundo todos os críticos.

Compañeiros profesionais
Non sempre é a pura amizade o que fai que determinadas persoas estean a turrar polos escritores para que traballen. É evidente que en moitos casos son os propios editores os que desenvolven o traballo de encirrar os autores para que produzan e entreguen en tempo e forma o seu material. A nivel galego é bastante coñecido o traballo que Carlos Lema, director da colección Narrativa en Galaxia fai animando os autores que traballan con el, recomendándolles lecturas e pulindo os seus textos. "O papel do editor é fundamentalmente o de primeiro lector, do mesmo xeito que os lectores de confianza aos que algúns autores lles deixan as súas obras para ler. Normalmente os textos nacen por impulso do propio autor, pero dependendo da relación co editor, pode haber unha influencia máis ou menos acusada", explica.

Diferentes relacións
Non podemos tampouco deixar de comentar o caso de Miguel Anxo Fernán Vello, responsable en boa medida dalgunha prometedora carreira literaria no campo da poesía actual. "De calquera xeito, non penso que se poida facer un paralelismo entre o traballo dun editor e unha relación como a de Novoneyra e María Mariño. A diferenza abisal é que a deles era unha relación entre dous autores, entre iguais mentres que a do editor co autor non é entre iguais. Así, o editor enfronta o texto dun xeito profesional e o autor faino desde o punto de vista da creación literaria", explica Lema. Un caso lixeiramente diferente no ámbito profesional é o de Anxos Sumai, que creou o material dos seus "Anxos de Garda" e "Melodía de días usados" baixo o requirimento semanal de Santi Montes, produtor de culturagalega.org encargado de garantir a presenza desta sección no portal.

Guías nas letras
Pódese albiscar aínda outra variedade nestas figuras que acompañan o creador. Trátase de xente que, aínda que non está a impulsar constantemente a obra de alguén, desempeña un importante labor á hora de o iniciar no ámbito literario. Para un bo feixe de persoas, en Galicia este papel está a o desempeñar Antón Riveiro Coello, que ademais de escribir el mesmo realiza tamén todos os anos un obradoiro de creación literaria. "A isto apúntanse sobre todo rapazas que comezan a escribir. Eu anímoas e apréndolles algunha técnica narrativa", apunta. Pola súa experiencia con autores noveis, Riveiro sinala que "o que mais agradecen é que lles leas e traballes os textos con eles, que llos discutas e que os trates máis coma escritores do que coma rapaces. Eu o que tento sobre todo é que perdan o medo a empregar as palabras".

A importancia de ter bos mestres
Visto pola outra banda, desde a súa posición de autodidacta que non contou nunca cun compañeiro de viaxe neste sentido ("nunca tiven a sorte de que alguén me axudase", explica), Riveiro reflexiona sobre as posibilidades que unha figura así podería achegarlle: "Escribo sempre de xeito anárquico. Ás veces fágome a pregunta de, se chego a ter alguén cando era mozo, tería escrito máis ou menos". En xeral, conclúe, "non está mal ter alguén que che poida iniciar. Nos primeiros anos é moi interesante que che poidan dar unha información ou explicarche unha técnica. De calquera xeito, escribir é un acto voluntario e moi persoal, e é moi difícil dar coa persoa axeitada para que che explique e che anime". Unha das persoas ás que Riveiro Coello ten apoiado para dar os seus primeiros pasos na narrativa de ficción é Xerardo Agrafoxo. "Cando o coñecín el xa escribía ben, pero non se dedicaba á narrativa, eu só o animei", explica.

O caso Biblos
Unha curiosa proposta, que anova en certo xeito esta tradición de contar con mestres literarios, é a que fan desde Biblos co premio Biblos-Pazos de Galicia. Desta volta son autores coñecidos, coma Xosé Luís Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana os que traballan con novos creadores como Iria López ou Alberto Manuel Ramos para que desenvolvan as súas primeiras novelas. É de supor que desta volta non serán posiblemente gañas de traballar o que lles falte aos principiantes. De feito o máis posible é que apenas precisen que lle dean un pouco de confianza nas súas propias posibilidades, algo polo demais ben común.

Estes apoios non sempre son ben entendidos, e deste xeito, como houbo un día quen sinalaba a Murguía como autor das obras da súa muller, houbo tamén quen lle apuxo a Novoneyra os versos de María Mariño. É evidente de que, para alén dos casos máis coñecidos, abondan nas nosas e en todas as letras, as persoas que animan, incitan e rifan ás súas amizades creativas para que continúen o seu labor e dean á luz novas obras. A estes pódense engadir aínda os avaliadores de proxectos, os lectores de manuscritos, conselleiros de toda índole, parellas e amigos en xeral que, dun xeito ou doutro, comparten tamén o orgullo de ver saír unha obra do prelo sabendo que tamén está aí un bocado deles mesmos.