A RAG editará obras inéditas do seu fondo con ocasión do seu centenario

Cen anos de inéditos

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro, anunciou que esta institución publicará obras aínda inéditas de autores clásicos galegos que están depositadas nos seus fondos. Con estas edicións celebrarase no ano 2005 o centenario da institución. Pola súa banda, a Xunta aprobou onte o decreto polo que se declara o 2002 Ano de Frei Martín Sarmiento, coincidindo coa dedicación do Día das Letras a este ilustrado.







Exhumar os inéditos



As obras inéditas que a Real Académica acumulou durante o último século nos seus fondos irán vendo a luz dentro da colección "Letras Galegas" que impulsa esta insitución. O novo presidente da insitución, Xosé Ramón Barreiro, anunciou que esta edición fará parte dos actos para celebrar o centenario da RAG no vindeiro 2005. O anuncio produciuse na xuntanza que unha representación da RAG mantivo onte con Manuel Fraga, presidente da Xunta, para presentarlle os proxectos da insitucións.
Como xa se anunciara, a primeira obra recuperada dos fondos da Academia será a edición definitiva do poemario "Os Eoas" de Pondal, que permanecía perdido desde comezos do século XX e que foi recuperado de entre os arquivos da institución hai tan só dous anos.
Outra publicación que xorde dos fondos da Academia será un Epistolario de Manuel Murguía que sairá editado co apoio da Fundación Barrié.
Outro proxecto que RAG pretende ter rematado para o seu centenario, segundo sinalou onte Barreiro, é un diccionario galego-castelán con máis de cincuenta mil entradas e a gramática oficial da RAG. Tamén se prevé realizar a informatización "ó cen por cen" do arquivo e da biblioteca da institución.




Ano Sarmiento

A Xunta aprobou onte o decreto polo que se declara o 2002 Ano de Frai Martín Sarmiento, escritor homenaxeado no Día das Letras. Con esta declaración chámase ás institucións públicas, centros de ensino, bibliotecas, asociacións e federacións culturais a realizar actividades que poñan de relevo a obra e a importancia deste estudioso.
Ademais, o Goberno editará trescentos exemplares dunha medalla conmemorativa do ano e homenaxe ó ilustrado bercián. Recentemente a editoral Ir Indo presentou a obra "Frei Martín Sarmiento. Pensador, crítico, científico, filólogo, educador", un estudio da vida do ilustrado realizado por Pilar Allegue.