A Real Academia elixe hoxe a Xosé Ramón Barreiro como novo presidente

Era Barreiro

Será ás seis da tarde de hoxe cando a Real Academia Galega (RAG) complete o proceso de sucesión elexindo a Xosé Ramón Barreiro, único candidato, como presidente. Esta elección, longamente anunciada, coincide co anuncio dun histórico membro da academia, Monseñor Araúxo, de presentar a súa demisión coma membro desta institución e coa publicación dun comunicado no que numerosas organizacións e colectivos solicitan a RAG que retome o debate sobre a reforma da normativa do galego. Aproveitando a actualidade da RAG, "O Correo Galego" iniciou onte unha serie de entrevistas cos distintos membros desta institución.







Elección




Confirmada a ausencia doutras candidaturas, a Real Academia galega elixirá esta tarde coma presidente para os seus vindeiros oito anos a Xosé Ramón Barreiro Fernández. A súa candidatura vén apoiada pola maioría dos membros da Academia e considérase como de consenso e é vista polos sectores favorables á reforma normativa como unha oportunidade para que esta cuestión volte a discutirse.
Onda Barreiro ocuparán a dirección da RAG o filólogo Manolo González como secretario, o poeta García-Bodaño como vicepresidente o arquitecto Andrés Fernández-Albalat como tesoureiro, continuando Gil Merino como arquiveiro da institución.




Demisión/Incorporación

Ademais da elección de Barreiro, coñecemos hoxe outras noticias sobre a Real Academia Galega. "O Correo Galego" revela hoxe que o académico numerario Monseñor Araúxo Iglesias, bispo demisionario da diócese Mondoñedo-Ferrol, presentará nos vindeiros meses a súa demisión coma membro da RAG.
Araúxo Iglesias é académico desde 1980 e nos últimos quince anos non asistiu ás xuntanzas desta institución. Segundo el, coa demisión pretende poñer de acordo o seu compromiso galeguista coa falta de tempo para participar na Academia. Iglesias é un dos persoeiros da Igrexa Católica que máis se ten destacado na súa defensa do idioma galego.
Con esta demisión serían tres as prazas vacantes que restarían na RAG. Barállase a posibilidade de que, aínda que non está presente na orde do día, o plenario decida hoxe quen ocupará unha das cadeiras libres. Os nomes de Camilo Gonsar e de Manuel María son os mási probables candidatos para entrar a formar parte da institución.
Coincidindo coa renovación da directiva da RAG, "O Correo Galego" iniciou onte unha serie de entrevistas ós membros desta institución. Así, Constantino García e Andrés Fernández-Albalat xa deron a coñecer a súa visión sobre a Academia.













Carta á Academia



















Os colectivos e persoas partidarios da reforma das normas do galego que se reuniron o pasado día doce en Compostela para consensuar as súas posturas, remitiron ont eunha carta á RAG reclamándolle que retome o debate sobre a reforma.
Neste escrito sinalan a importancia da reforma para rematar cunha grande parte do conflicto normativo existente no país ó desaparecer a normativa de mínimos reintegracionistas. Ademais, chámase á responsabilidade da Academia para que busque "o camiño para unha solución consensuada ó problema normativo". Entre os asinantes deste acordo, están membros do ILG, da AS-PG, dos departamentos de galego das tres universidades, sindicatos, e diferentes asociacións e organismos.