Os escritores do PEN Clube homenaxean a Blanco-Amor no cabodano do seu pasamento

Eduardo na memoria

Como cada primeiro de decembro, a asociación de escritores PEN Clube de Galicia vai celebrar en Ourense a xornada de "Homenaxe a Eduardo Blanco-Amor", falecido en 1979 en tal día como este. Ao longo do día sucederanse as actividades e intervencións, comezando no Cemiterio de San Francisco onde, as ofrendas florais da Consellaría de Cultura, o Concello de Ourense, a Deputación Provincial e o PEN Clube irán precedidas das intervencións de Luís G. Tosar, Víctor F. Freixanes, Acisclo Manzano e unha lectura de textos por alumnos de catro institutos de Ourense. Pola tarde está previsto un coloquio baixo o tema “Blanco-Amor na lembranza dos amigos”, que presentará Marcos Valcarcel no Liceo Recreo. Despois, o Centro de Desenvolvemento Caixanova acollerá o acto “Eduardo Blanco-Amor, poeta”. Coa edición deste ano son xa tres as xornadas de lembranza dedicadas ao grande escritor ourensán.