O Proxecto Edición analiza en Pontevedra a creatividade nas publicacións

Publicacións creativas

Revistas en forma de lata (“Lalata”), con liñas editoriais e filosofía de traballo diferenciada (“Wendy & Rita”, “La más bella”), arriscadas na forma, no estilo e nos soportes, camisetas, carteis, pósters.... os soportes cotiás convértense en espazos de creación artística. Falar das súas posibilidades, ensinalas e abrilas ao público en xeral é o obxectivo do “Encontro-Feira” que arrinca este venres en Pontevedra.

Neste país no que son tan prolíficas as feiras, concepto que ten un aspecto público, de espectáculo que é quen de reunir a milleiros de persoas nun recinto, acábase de convocar unha cun obxectivo diferente do habitual. Ten como fío común os diferentes soportes da edición “impresos, posters, carteis, música, complicacións de vídeo, libros de artistas, edición dixitais, revistas...., obxectos que nos rodean na nosa vida cotiá e que son imperceptibles espazos nos que se refuxia a arte. A iniciativa é un aspecto máis do Proxecto Edición, iniciativa desenvolvida polo Centro de Arte Contemporáneo (CGAC), Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) e a Fundación Luís Seoane que reflexionan sobre as relacións entre a arte e a edición a través de numerosas actividades de diferente índole (exposición, talleres, obradoiros, encontros...). Manuel Olveira director do Centro Galego de Arte Contemporáneo explica que esta exposición ten tres especificidades significativas con respecto ao conxunto do proxecto “permitir unha forma de relación coa arte que non estea determinada pola convención da exposición, permite artellar un punto de encontro con profesionais, e ao mesmo tempo posibilita unha achega a una amplo sector dos públicos potenciais a través do formato feiral”. O evento que arrinca o venres no Pazo da Cultura de Pontevedra e se prolonga ata o domingo é diferente dos que hai no panorama internacional. O director do CGAC recoñece que “non son necesariamente novos, pero si que é a primeira vez que se fai un esforzo a nivel internacional para darlle visibilidade a unha forma de traballar e ao emprego duns soportes que cada vez están a coller máis pulo. Coñezo algunhas tímidas iniciativas no contexto inglés e francés. No contexto galego o gran proxecto foi a exposición “O lado da sombra” que Anxo Rabuñal comisariou para a Fundación Luís Seoane. Pero coa dimensión e amplitude desta cita pontevedresa non hai nada semellante”.

Unha dobre dimensión
Como indica o nome do propio evento, ten unha doble dimensión. Dunha banda é un encontro, na medida que xorde coa vocación de ser un lugar de contacto xa non tanto en propiciar encontros entre o mundo da edición comercial, senón máis ben de pulsar a realidade independente, experimental e alternativa. Nesta dimensión de foro, no programa figuran dúas citas arredor de dous temas cruciais: a edición alternativa e publicacións de arte (sábado 28 ás 18:00 horas) e a distribución e a edición comercial (domingo 29, ás 12:00 horas). Nese sentido, Manuel Olveira precisa que “é importante discutir sobre procesos de produción, liñas de colaboración e, claro, a importancia da distribución. Non estamos a falar de libros, senón do emprego que fan os artistas dos soportes da edición contemporánea, deste xeito non ten nada que ver unha feira do libro con esta porque nin falamos de editoriais comerciais nin de libros, senón dunha serie de obras de arte que teñen características moi precisas en relación coa súa produción, coa súa distribución e coas súas necesidades.

Da outra banda é unha feira porque servirá para presentar proxectos, distribuidoras, espazos de documentación e de produción referidos á edición. Como feira haberá uns trinta stands nos que estarán títulos “La Más Bella”, “Shift”, “Monográfico”, “Wendy and Rita” ou “Papers d´art”. Os criterios de selección, explica Olveira, “están marcados por conceptos referidos ao emprego dos diferentes soportes da edición pero dunha maneira creativa, independente, autoxestionada xerando productos de calidade, innovadores, investigadores e inquedos”. Que ninguén pense que a feira ofrecerá publicacións por seren traballos editados, senón que a súa presenza xustificase por seren proxectos “marcados cunha personalidade creativa e innovadora en relación coas estéticas, os formatos, as formas de produción, etc.”. Ademais, Olveira indica que a presenza galega na feira “é moi patente por unha cuestión de reactividade co contorno e porque en Galicia está agromando iniciativas editoriais de calidade como 300 en Santiago, Leningrad en Vigo, Amastra-n-gallar que é unha editora non venal situada no contexto dunha aldea galega ou Polaqia nunha cidade como A Coruña”.

A imaxe de Galicia nunha obra colectiva
Tendo en conta que toda feira ten un catálogo, e considerando que o Encontro-Feira de Proxecto-Edición é diferente das feiras convencionais, “decatámonos, explica Olveira, que non tiña sentido facer un catálogo tradicional coma os que fan en ARCO ou en calquera outra feira. Por iso xurdiu a idea de facer unha publicación experimental que continuase co propio ánimo deste proxecto”. O resultado chámase Entre-cruzar (a presentación será o sábado ás 12:00 horas) no que Uqui Permui trazou a idea de editar un libro de artista que reflexionara sobre un determinado tema. “Ela, e mais Antonio Doñate, explica Olveira, déronlle forma a esta primeira idea propoñendo unha publicación colaborativa (seguindo a propia filosofía do proxecto que está baseado na colaboración e na idea de rede de traballo) que estaría constituída por achegas de variados artistas e profesionais do mundo da cultura arredor do tema de identidade cultural en proceso, en cambio, en transformación, en mutación e en contacto con outras realidades culturais”. Neste sentido, Entre-Cruzar recolle a través de noventa proxectos gráficos e textuais unha concepción da cultura como un proceso en construción e non como unha imaxe estática ou fixa. Olveira apunta que “é producto dun cruce e confluencia interxeneracional, intersubxectiva e internacional (de feito hai obras desde Luís Seoane ou o pensamento de Isaac Díaz Pardo coas investigacións espaciais de Carme Nogueira). Con este espírito de traballo e cun ánimo totalmente aberto lanzamos unha convocatoria pública e, finalmente, este proxecto editorial queda conformado cun case centenar de aportacións moi variadas que constitúen unha especie de retrato colectivo ou de fresco de disidencias identitarias que, agardamos, lle interese a moita xente”. A publicación terá unha distribución comercial ao prezo de 29 euros e conta na nómina dos trescentos artistas que colaboraron nomes como Margarita Ledo, Marta Pérez, Kike Benlloch, Ramiro Ledo, Xosé Manuel Lens, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xurxo Salgado, Daniel Salgado, Kiko da Silva, Pepe Barro.

Por último, como iniciativas novedosas que completan o programa está dunha banda o stand de autoedición, unha zona de chill-out, un lugar para edición de produtos artísticos e, na caseta de información poderase adquirir (por 8 euros) a camiseta que Pancho Lapeña de Aduaneiros Sem Fronteiras deseñou ex profeso para este Encontro-Feira.

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Propostas de Capricho Español para "Entre-cruzar", publicación do Encontro-Feira Fonte: CGAC

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Imaxe do colectivo portugues "A Mula" (fanzinero) que van estar presentes no Encontro-Feira Fonte: CGAC

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Imaxe da camiseta deseñada por Pancho Lapeña de Aduaneiros sem Fronteiras Fonte: CGAC

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Imaxe do espazo previsto pola revista La Lata (www.lalata.info), que vai facer a sua presentacion en Galicia dentro da feira Fonte: CGAC

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Imaxe da revista La Lata (www.lalata.info), que vai facer a sua presentacion en Galicia dentro da feira Fonte: CGAC

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Portada do número 8 do fanzine Barsowia do colectivo Polaqia, que estará presente no Encontro-Feira Fonte: CGAC

Breve mostra do Encontro-Feira

Breve mostra do Encontro-Feira

Logotipo de "300" de Mauro Trastoy Fonte: CGAC