É sabido que contamos no noso país coa maior concentración de topónimos de Europa. E non é nada estraño que moitos deses lugares teñan vencelladas as súas lendas, ritos e historias, que proliferan tamén en Galicia cunha densidade excepcional. Este acervo cultural ten un grande potencial para atraer visitantes, sexa como un valor engadidos aos nosos atractivos turísticos, sexa como unha proposta alternativa para ver o país.
É evidente que moita xente pode estar disposta a ir ver, por exemplo, a lagoa de Cospeito pola súa propia beleza e a riqueza natural que contén. No entanto, non é menos certo que haberá que se achegue alí coa curiosidade de comprobar cos seus propios ollos se é posible que alí descanse unha cidade asolagada. Do mesmo xeito, as formacións rochosas do Santiaguiño do Monte, en Padrón, gañan valor de se coñecer as historias que as vencellan a ritos de fecundidade ou ás pegadas do apóstolo.
Encontrar sitio nos libros
Vítor Vaqueiro é o autor dunha proposta pioneira neste sentido. A súa "Guía da Galiza Máxica", editada por Galaxia, percorre a xeografía do noso país visitando os lugares máis destacados polo seu vencellamento co sobrenatural e co lendario. "Eu son moi afeccionado a viaxar a coñezo moi ben o país, e moita xente preguntábame por unha guía boa sobre lendas, e non había", explica. "O que fixen foi meterme en bibliotecas e consultar a bibliografía, un traballo que me levou uns dez anos. Logo fun sistematizando iso, viaxando e tirando as fotos, pero case todo o que recollín está tirado da bibliografía. Logo vas falando coa xente e confirmas cousas".
Oferta múltiple
A variedade de propostas neste sentido é enorme. Ás cidades mergulladas que a nosa tradición localiza en toda canta lagoa hai no país pódense engadir os tesouros que agocha cada castro, cos seus correspondentes mouros e túneles segredos. E as múltiples pegadas que a virxe ou os santos deixaron na forma de pegadas de cabalo, formacións rochosas (lémbrese a Virxe da Barca) e todo tipo de accidentes do terreo. Sen contar os lugares onde se lembran as aparicións da compaña, milagres de todo tipo ou que son coñecidos por seren espazos para a práctica de rituais (por exemplo a Pena dos Namorados de Ponteareas ou a Praia da Lanzada).
Posibles turismos
"Penso que non están desenvolvida unha rede de turismo a partir deste contidos. A xente que vén a Galicia busca cousas para alén do sol", sinala Vaqueiro. "Aproveitando o Camiño de Santiago poderíase articular unha rede cunha implementación cultural sobre estes temas que permita coñecer máis as raíces, tamén á xente de Galicia". A rápida extinción de moitas destas tradicións, a pesar da grande bibliografía que existe ao respecto, pode dificultar a posta en marcha de proxectos neste sentido.
Romarías ou festivais
Ademais das súas posibilidades como recurso turístico na actualidade, non debemos esquecer que moitos destes espazos foron os principais motores do "turismo" na sociedade tradicional. As visitas a romarías milagreiras, os espazos que había que visitar para sandar ou a simple curiosidade motivaban abondosos desprazamentos dentro do noso propio país. O antropólogo Ramón Mariño Ferro ten analizado polo miúdo estes posibles destinos no seu libro "Santuarios máxicos de Galicia", e o propio Vaqueiro concorda en que estes eventos son dos que sobreviven máis vizosos da nosa tradición. "Coas romarías hai aínda moitos anos de marxe para traballar nelas, porque ao se unir nelas o mito coa festa, como no Corpiño, nos Milagres de Amil ou a Virxe de Barca, a xente segue a ir. O que penso que están condenados son os mouros, a Santa Compaña, ou os Xacios".
Á hora de falar dalgúns lugares concretos que o teñan impresionado nas súas viaxes, a Vaqueiro gústalle decidirse. "Gústame moito Santa Mariña de Augas Santas, San Andrés de Teixido é moi impresionante, e tamén se sobes ao Pico Sacro, que ves toda a comarca de Santiago", son moitos.
ONDE IR:
Na busca dos escritos, Friol
Un curioso destino que apunta Vítor Vaqueiro na súa guía é a aldea de San Martiño de Cotá, en Friol. Aquí segundo este investigador, pódense conseguir aínda hoxe escritos. Estes anacos de papel con bendicións teñen propiedades protectoras para gando e persoas, e son expedidos desde hai anos polos membros dunha mesma familia, a de Casa Rosendo. "É un lugar bonito, sobre todo polo contorno que ten, con lugares coma Narla. Ademais está alí preto o Sartego de Trasmonte, onde aínda se fan ritos", explica Vaqueiro. Unha boa escusa para coñecer de primeira man esta tradición máxica ao tempo que se percorre a Terra Chá, e se volta para a casa un pouco máis protexido.
Máis sobre Friol no web do Concello
Reunión de lendas, Fisterra e o Pindo
Un dos lugares que máis lendas concentra no noso país é o contorno de Fisterra e mais do Monte Pindo, en Carnota. "Como lugar é bonito, e está cheo de mitos, é un territorio extraordinario". No cabo da Fin do Mundo localízanse lendas tan curiosas coma a da ogresa Orcabella, "A propia lenda do Santo Cristo de Fisterra, o lugar, a igrexa de Santa María ou a lenda da cidade mergullada de Duio", enumera Vaqueiro algunhas das historias da zona. Pola súa banda, e segundo recolle este autor na súa guía, asegúrase que no Pindo fica soterrada a mítica Raíña Lupa, co seu tesouro agochado. Ao tempo, existe unha pedra no cumio á que se lle apoñen poderes fecundadores e de curación. Nas proximidades do cume encóntrase unha cova que se relaciona cos mouros, cos fuxidos da Guerra Civil e mais coas meigas. Mesmo existe na zona unha inscrición na pedra coa que se excomunga o monte Penafiel, un dos cumios deste macizo.
Algunhas das lendas desta zona no web da Deputación da Coruña
A serpe e a cruz, o Castro de Troña
Se é habitual que exista a lenda de que nos castros se agoche algunha serpe monstruosa, no de Troña a súa existencia fica rexistrada cun petroglifo. "Gústame moito este lugar coa lenda da serpe e mais o cruceiro que os paisanos chantaron onde a mataran", lembra Vaqueiro. Segundo a tal lenda, os veciños venceron o ofidio dándolle de comer un bola de liño cun fio polo que turraron ata a ter no cume do monte, onde lle deron morte. Disque o corpo o enterraron no adro da ermida e que lle chantaron o cruceiro enriba.
O Castro de Troña en Galicia Encantada
Xoán Tuorum, Bonaval
En ocasións, non cómpre ir a lugares do rural para encontrar a maxia. Cidades coma Santiago de Compostela rebordan lendas e milagres. Fontes milagreiras, asasinatos de bispos, imaxes de santos que se moven soas... "Algo que me parece moi bonito en Compostela, porque está alí á vista, e a historia de Xoán Tuorum, que se pode ver no tímpano de Bonaval", explica Vaqueiro. Este Tuorum, condenado a morte por rebelarse contra o arcebispo, é o que se coñece desde aquela coma "Home Santo". No cruceiro ergueito na súa memoria dise que se ven aparicións luminosas e se escoitan coros celestiais.
A historia de Tuorum neste portal arxentino de turismo
Paganismo santificado, o Pico Sacro
Un dos lugares onde máis abondan as lendas é no Pico Sacro, nas proximidades de Santiago. Dise que foi aquí onde os discípulos do Apóstolo, Atanasio e Teodoro, se enfrontaron á pagá raíña Lupa e tiveron que superar diferentes probas das que só a súa fe lles permitiu saír airosos. Xigantes implicados na creación desta elevación, tesouros agochados, pegadas da época romana, túneles ocultos e covas sen agochar nas que se lles perdoaban os pecados a quen as visitase... Crenzas de todo tipo acumúlanse neste lugar, sen esquecermos, como sinala Vaqueiro, as vistas que hai desde el.
Máis sobre o lugar neste web sobre o Val do Ulla