Bruce Timm, Manu Larcenet, Jessica Abel, novas mostras e máis espazos marcan a novena edición de Viñetas desde o Atlántico

Viñetas a tope

A novena edición de Viñetas desde o Atlántico anúnciase como realmente completa. Unha grande lista de autores convidados con cadansúa mostra, entre os que se encontran Bruce Timm, Manu Larcenet, Frederik Peeters, Frédéric Delisle, Jessica Abel e Brent Anderson compoñen un cartel internacional do máis variado. Desde máis preto visítannos Ángel de la Calle, Felipe Hernández Cava, Kim, Fermín Solís e Lorenzo Gómez. A nivel galego, unha ampla mostra do colectivo Polaqia completa un programa do máis extenso. Tanto material fai que a actividade se expanda nesta ocasión ao Aquarium Finisterrae, que acollerá unha mostra sobre BD e Mar. Canda a esta sede, o Kiosko Afonso, o Pazo de María Pita, a sala de exposicións da rúa Durán Loriga e mais o centro Palexco repártense as exposicións e presentacións, e o Colexio de Arquitectos acollerá unha exposición sobre Arquitectura e BD á que se suma aínda outra sobre o cómic e a Guerra Civil. O salón desenvolverase entre o 14 e o 20 de agosto na Coruña, e nel está previsto que se presenten abondosas novidades, coma a primicia internacional dunha nova aventura do Silver Surfer.

Máis información no web do Concello da Coruña máis sobre Viñetas nos nosos arquivos