Redondela celebra o Festival Internacional de Títeres máis numeroso

Monicreques e outras historias

Na rúa, nas escolas e no Auditorio. Todo Redondela será o escenario do II Festival Internacional de Títeres. Unha segunda edición que este ano conta con abondosas novidades: un presuposto que ascende a seis millóns, un programa composto por dezaseis compañías nacionais e internacionais e unha organización conxunta entre o Concello e Colectivo Socio-cultural Redondelán. Desde onte e ata o vindeiro domingo Redondela estará máis titiriteira que nunca.

Novidades


Redondela acolle a segunda edición do Festival Internacional de Títeres con novidosos cambios. Conservando a mesma esencia que o veu nacer, o Festival pretende converterse na referencia socio-cultural da zona. E vai camiño de conseguilo, porque con tan só dúas edicións xa conseguíu xuntar esforzos para organizalo. Este ano o Concello e o Colectivo Socio-cultural Redondelán, que agrupa a varias asociacións da zona, traballan da man para conseguir que o evento resulte un éxito. E para conseguilo manexan un presuposto de seis millóns de pesetas, o dobre do ano anterior. Dezaseis compañías chegadas desde Chequia, Brasil, Argentina, Francia, Portugal e das diferentes comunidades autónomas españolas.


Sesións escolares


O pistoletazo de saída do II Festival Internacional de Títeres tivo lugar onte. A cita estaba no auditorio do multiusos de A Xunqueira, onde a compañía granadina Titiritrán representou "Cuarto de cuentos". Con esta obra abríanse tamén as sesións escolares, que continuarán hoxe coa presentación do grupo "La Gotera de Lazotea", de Xerez da Fronteira, que fará o propio con "El gato con botas". Nestas sesións escolares está previsto que participen máis de dous mil alumnos da comarca, con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos.


Sesións para todos

As funcións abertas ó público comezan hoxe martes no multiusos da Xunqueira. A primeira, ás 21:00 será "Ínfimo", unha montaxe de Titiritrán que dá inicio ós seis días de funcións.