Chega a programación de abril ás principais salas galegas

Teatro por todas partes

Comeza abril para o teatro e as principais salas galegas presentan a súa programación. Mentres as salas indepentendentes nos achegan os actos previstos e varias compañías fan xira con novas obras.

Obras



Durante toda a semana os nenos de Pontevedra poden achegarse ó Teatro Principal da cidade para ver, en horario de mañá, "O libro máxico", unha obra de Migallas Teatro que se basea na asunción dun rol por parte dos actores sen depender dun texto fixo. A dose de improvisación que conleva a obra permite un elemento sorpresa que agrada ós máis novos. "O libro máxico" conleva ademais unha alta dose de interactividade co público, que ten que responder e actuar ante o que acontece no escenario. Outra obra que está en marcha en marcha é "Novecento", de Alessandro Baricco, que se representa desde onte e ata hoxe no Teatro Principal de Compostela a cargo da compañía basca Tanttaka Teatroa. Tamén segue en xira "Furga Garabela", a obra sobre o mundo dos afiadores ourensáns que Volta e Dalle levou onte a Portonovo.


Programacións alternativas


A Sala Galán presentou onte un adianto da súa programación de abril, que arrinca coas últimas obras incluídas no FestiALT, festival alternativo de teatro música e danza que remata o vindeiro día sete. Así , entre hoxe e mañá pode versenesta sala independente "Fine romance", obra de teatro a cargo de Provisional Dance, compañía madrileña que combina a danza e coa actuación teatral. Para os días seis e sete está prevista representación da obra "Requiem" da compañía La República. Pola súa banda, a NASA tamén comeza o mes con dous actos integradas no FestiALT e dedicados ó director de cine Ronald Topor. Así, esta mesma noite preséntase a longametraxe "Marquise", que combina plastilina, actores e outros elementos, onda a curta "Planeta salvaxe", filme que se converteu nun clásico da animación de ciencia ficción. Para o venres está prevista unha Ultranoite dedicada exclusivamente a este cineasta, Para o resto do mes, concertos coma o de Kozmic Muffin ou Chouteira os días 18 e 19 e 26 respectivamente, ou Vargas Blues Band o 27. Ademais, o 20 e o 21 chega a compañia teatral portuguesa Trigo Limpo, e o 28 a Festa do Circo.