Ánxeles Cuña deixa o CDG para non ter que renunciar ao seu posto docente en Ourense

Saída dramática

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, acompañado por Ánxeles Cuña, anunciou hoxe ante os medios a renuncia desta como directora do Centro Dramático Galego seis meses despois da súa designación. A razón desta situación é, segundo ambos, a imposibilidade de Cuña de manter reservadas a súa praza e destino actuais como docente en Ourense mentres dirixe o CDG. As características do contrato de alta dirección no IGAEM que ela tería que asinar obrígaríana, segundo Ánxeles Cuña, a pedir unha excedencia voluntaria na que “pérdería o destino e poría en perigo a propia praza”. Luís Bará asegurou que estudaran todas as posibilidades para non ter que esixirlle a excedencia pero sen resultado xa que os servizos xurídicos eran rotundos neste aspecto; Ánxeles Cuña amosou dúbidas considerando que ela cría que se podía ter feito “algo máis” e asegurou que a reserva do seu posto de traballo fora a única condición que puxera cando a chamaron para o CDG. Ata agora Cuña estaba contratada a través do gabinete da Consellaría como Persoal de Confianza, situación que non era acorde coas súas funcións. Actores e técnicos de escena presentes dedicaron unha ovación pechada a Cuña e amosáronse indignados pola situación. A Consellaría levará unha proposta nova de dirección do CDG o vindeiro venres 17 de marzo ao Consello Reitor do IGAEM.

Máis información en Vieiros, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Galicia Hoxe e sobre Ánxeles Cuña nos nosos Arquivos