O estudio Cerditos de Guinea mantense na actualidade da BD combinando a autoedición cos traballos de encarga

Outro camiño para a imprenta

O proxecto comezou coa autoedición dunha serie. "Cerditos de Guinea" era a aposta en formato cómic-book, estilo manga e en branco en negro coa que David Prieto Seijo, "Gochi" se lanzaba ao mundo da autoedición en 2002. Catro anos despois, e cun currículo ben máis nutrido que inclúe varios premios e a colaboración en "Golfiño", este autor presenta o seu último álbum autoeditado, "El secuestro de la princesa Saada" primeiro dunha posible serie, "Las aventuras de Amo Ron". Con este presenta tamén a súa plataforma de autoedición, o Estudio Cerditos de Guinea.

Esta nova entidade nace coa forma dunha asociación cultural. "Organiceino así coa idea de entrar en temas de subvencións e de distribución, para os que cómpre facturar algunhas cousas. En certo xeito con Amo Ron comezo de cero", explica Gochi. "A idea é un pouco poder sacar produtos mellor editados, con lombo e cosidos e mesmo algunhas cousas que poidan saír a cor". O 11 de marzo de 2006 é a data de presentación pública tanto do álbum como da firma, na libraría coruñesa Alita. Con el está integrado baixo esta marca Juan Martín, que se encarga de cor en diferentes proxectos e elabora tamén ilustracións concretas.

Amo Ron
O primeiro lanzamento do selo é un volume de sesenta páxinas feito a branco e negro cosido e que sae á venda por catro euros. "El secuestro de la princesa Saada", primeira entrega das aventuras de Amo Ron, nace dunha serie de tiras que o autor estaba a realizar para a revista luguesa "Entremuros". "Comecei a traballar a personaxe de Ron e do seu escravo Buso, gustáronme e comecei a debuxar á parte desas tiras", explica. Deste xeito completou unha historia que se publica acompañada por bosquexos e que conta mesmo cunha contraportada de Manuel Cráneo. Na obra pódese encontrar "sobre todo un humor moi negro, tenche que gustar moito Torrente e non ter moitos prexuízos para o gozar. Hai moito humor fácil a conta do racismo ou da homofobia, cun aventureiro moi macarra que poderíamos definir como unha mestura entre Conan e Torrente". Recoñece Gochi que o contido do álbum é basicamente humorístico, "non ten grandes historias nin leccións".

A autoedición
"A autoedición ten as súas cousas. Todo o que saquei foi porque me gustou e porque o podes facer. Logo ten un certo valor promocional para dar a coñecer o teu traballo. Pero se aparece unha editora interesada en publicar o vindeiro álbum, eu xa non o autoedito, xa non só porque che compense senón por quitar de enriba o de maquetar, distribuír, imprimir e isto todo", sinala. Con este sistema ten tirado á rúa tres números da serie "Cerditos de Guinea" desde 2002. Ademais, desde aquela, Gochi participou en "Golfiño" coa serie do pirata Trasmallo e recibiu varios premios.

A edición institucional
Foi precisamente Trasmallo quen inauguraría a outra liña de publicación deste autor. O álbum "O tesouro de Carraxe Sieiro" aparecía publicado en maio de 2005 da man do Concello de Ribeira con este personaxe como protagonista. "Deu a casualidade de que eu xa ambientara as aventuras de Trasmallo no Barbanza nas hitorias que publicara en `Golfiño´, e cando fechou a revista vin que había oco para unha historia longa. Tiña un contacto neste concello e gustoulles moito o tema". Deste xeito, iniciouse unha serie financiada integramente pola entidade local que xa ten en fase de coloreado o seu segundo número, "A santa compaña". "Acordamos que o contido sería para rapaces, e hai que manter unha liña, pero sempre que non saia desas marxes, déronme vía libre para seguir publicando", explica o autor.

O vindeiro álbum
Dun xeito semellante se enfrontou Gochi a outro proxecto que verá a luz o vindeiro mes de maio. "Os trasnos de Baldaio" é un álbum que está financiado polo proxecto de recuperación do espazo natural Trazo-Baldaio. "Este proxecto presentárallo a Cultura e chegoulles a Turismo de rebote. Resultou que tiñan cartos para este ámbito e non lles importou meter unha banda deseñada na súa programación. A única condición que me puxeron é que estivese ambientada nas praias e mais na lagoa, polo demais puiden facer o que quixen co personaxe e mais coa historia", sinala "A verdade é que tes que ir con algún contacto para que che reciban nestes sitios", recoñece, pero apunta que este é un camiño que na actualidade está moi pouco aproveitado polos autores do noso país.

A aprender de erros
De volta no campo da autoedición, o autor explícanos que a decisión de optar por formatos máis afastados do habitual fanzine vén das súas experiencias previas no campo da autoedición. "É un suicidio querer sacar un fanzine de continuidade en oito números se periodicidade fixa, a xente non merca algo que non sexa autoconclusivo se non sabe cando vai continuar. Isto é algo que vas aprendendo coa experiencia. Tamén ves que ten que estar ben presentado para que chame máis a atención do público", sinala. Segundo o autor, tamén aprendeu desta volta a axustar un pouco máis as tiraxes de lanzamento "estou acostumado a ter caixas de imprenta na casa e acabar regalando exemplares". En xeral, Gochi está convencido de que nos encontramos nun bo momento para que os autores aposten por publicar os seus propios traballos. "Os prezos da imprenta están polo chan, custoume tanto este volume como o primeiro `Cerditos de Guinea´, que ía grampado e só tiña vinte e catro páxinas, agora pódeste manexar en criterios de calidade moito mellores", apunta. "De calquera xeito, aínda que hai moita xente traballando no tema, vexo o panorama algo estancado, fóra de BD Banda e de Polaqia non percibo que haxa moito máis movemento, o mesmo facía falta unha publicación como foi `Elipse´ no seu momento".

Últimas novas e proxectos
Entre as últimas novas do estudo están os premios que Gochi recibiu nas últimas semana. Aos segundos postos nos certames Snowboart e mais de Dos Hermanas súmase un terceiro posto no concurso de BD "Cidade de Algeciras". Aínda que ten outros proxectos previos, o autor sinala que xa ten preparado o guión dun segundo número. Tamén baralla a posibilidade de recompilar a serie "Cerditos de Guinea" logo de reelaborar boa parte dos deseños. Ademais, o estudo traballa nunha historia de xénero negro chamado "Bloque once".