Sae á rúa o segundo disco de Nen@s da Revolta

A volta da revolta

| Redacción. MeGA | Seccións: Música
Compartir:

"As vozes roubadas" (Boa Music, 2000) é o segundo disco desta formación saída no ano 93 de entre as iniciativas musicais que xurdiron do Centro Social Ocupado Ruela de Vigo. Letras comprometidas e con aire de disidencia, expresión de posturas culturais, sociais e políticas. Música de mestizaxe e experimentación sonora. Hip-hop, reggae, ska, rumba, raggamuffin... Integrando no discurso sonoro as pandeiretas e gaitas cos teclados e os samplers. Unha proposta de revolta asentada nunha idea cultural da que a música, aínda que importante, non é o límite no que queren quedar estes seis músicos. Nen@s da revolta preocúpase por temas sociais como a desigualdade das mulleres, os dereitos dos traballadores, a liberación dos animais, a identidade cultural. Estas ideas, que xa estaban no seu primeiro disco "A revolta d@s Nen@s /Raggaliza dissidente" (Sons de Luita, 1998), volven agora arroupadas por unhas composicións musicais máis coidadas e impactantes, tanto en arranxos como en produción, que afastan ó grupo de todo folclorismo cara a unha mensaxe musical máis o pé das rúas do fin de século. Os da revolta fortalecen a escena casque esmorecente dos novos sons, que dende hai anos non tiñan unha representación clara.

Que che parece esta nova?
28 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Hip-Hop, Identidade, Mulleres, Vigo

Claves

Lugares