O punto neutro de Internet constituirase a finais deste mesmo mes

Un punto para Galicia

A finais deste mes asinarase o convenio polo que se constituirá o GALNIX, Galician Neutral Internet Exchange Point, o longamente anunciado punto neutro de intercambio de información que permitirá un mellor acceso á rede. Nesta iniciativa participarán as operadoras Comunitel, Jazztel, R e Retevisión. O punto neutro foi promovido desde Foro para a Extensión da Sociedade da Información e o Comercio electrónico de Galicia (SI-Galicia), que está liderado pola Secretaría Xeral de I+D.

O punto



Un punto neutro de intercambio de tráfico en Internet é unha infraestructura que interconecta as redes de diversos proveedores de acceso á Rede. Deste xeito, os usuarios de distintas redes poden intercambiar información entre si e acceder ós contidos de proveedores diferentes ó propio.
Os puntos neutros están xestionados por entidades independentes dos distintos operadores en Internet, en Galicia será o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Xunta, quen albergue e monitorice o equipamento que vai permitir a interconexión das redes.
Dado o cada vez maior tráfico existente na rede, estase tendendo a crear cada vez máis puntos neutros coa intención de desviar o tráfico das redes principais e, achegando o punto de intercambio ós usuarios, permitir unha maior velocidade de acceso á rede.


O caso galego



Ata o de agora unha grande parte da información que circulaba pola rede en Galicia tiña que pasar por servidores situados fóra da nosa comunidade, o que provocaba un retraso no funcionamento da rede e un maior número de pasos á hora de acceder ós diferentes contidos.
Logo da instalación dun punto neutro en Madrid, o ESPANIX, comprobouse como o número de pasos dados pola información reducíase á metade. Coa instalación do GALNIX agárdase facilitar aínda máis o trafico. No Estado Español existe, ademais de ESPANIX, outro punto neutro, CATNIX, situado en Cataluña.



Os participantes


A creación do punto neutro veu auspiciada polo Foro para a Extensión da Sociedade da Información e o Comercio Electrónico en Galicia. Este foro, coordinado pola Secretaría Xeral de Investigación de Desenvolvemento da Xunta conta coa colaboración de varias das operadoras de Internet da nosa comunidade. Colaborarán na creación do GALNIX Comunitel, Jazztel, R e Retevisión.