Para o Premio Ánxel Casal os candidatos finais son Historia da educación e da cultura en Galicia, de Antón Costa Rico, publicado por Edicións Xerais; Herba moura, de Teresa Moure, da mesma editorial, e Non sei cando nos veremos, de Anxo A. Rei Ballesteros, editado por Galaxia. Ao Premio Lois Tobío ao libro traducido optan a versión de Manhattan Transfer, de John Dos Passos, obra de Mercedes Pacheco (Ed. Sotelo Blanco); a tradución de O gatopardo, de Tomasi di Lampedusa, de Xavier Rodríguez Baixeras (Galaxia), e a versión de Carmen Torres París e María Dolores Torres París de A república dos soños, de Nélida Piñón. As finalistas na categoría de Libro ilustrado, Premio Isaac Díaz Pardo, son Catro poemas galegos de Lorenzo Varela, cos gravados orixinais de Luís Seoane (Ediciós do Castro), Dez contos de Andersen (Ed. Galaxia), con debuxos de Kiko da Silva, e Millor que dicila fora pintala... 50 anos de Merlín e familia (Ed. Galaxia), ilustrado por Fausto Isorna. O Premio Fernández del Riego á cooperación no labor editorial e o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor autor ou autora do ano daranse a coñecer no transcurso da Noite da Edición.
Máis información na Asociación Galega de Editores