A linguaxe das campás esmorece en Galicia logo de ser durante séculos un importante medio de comunicación local

Radio badalo

Antes da aparición do teléfono e da radio, o principal medio de comunicación a nivel local, instantáneo e a distancia, estaba situado na igrexa. As campás, cos seus diversos toques, foron durante anos o método básico para coñecer novas coma casamentos, mortes, misas ou emerxencias de todo tipo. O perigo de que o coñecemento desta linguaxe se perda en boa parte do país levou á Asociación A Fervenza de Ouzande, na Estrada, a organizar unhas xornadas nas que ofreceu un curso práctico para tanxer as campás.

**Para a visualización deste contido é preciso ter instalado e autorizado no navegador o uso do Flash Player**








O pasado domingo dezaseis, os viaxeiros que pasasen pola aldea de Ouzande, na Estrada, podían pensar que os veciños tolearan ou que algo moi grave estaba a pasar. As campás non paraban de soar en toda a tarde, mesturando os lúgubres e lentos tons que asociamos á morte de alguén, con ledos repeniques dos que soan a festa ou que anuncian emerxencias. A realidade era moito máis sinxela. A igrexa da aldea estaba a acoller o primeiro “Curso de iniciación á arte de tocar as campás” que organizaba a Asociación Cultural A Fervenza. “Dentro das actividades de recuperación patrimonial, tanto cultural como ambiental que desenvolvemos na asociación, saíu nunha asemblea esta proposta”, sinala Xabier Camba, presidente deste colectivo. “De feito foi o propio cura, que é socio, quen deu a idea, e logo fómoslle dando forma, xa que nos pareceu interesante que non se perdese a tradición e que a xente nova aprendese”.

A fin dun son
Durante séculos, as campás marcaron a vida das parroquias do rural galego. Ademais de sinalar as horas (principalmente o medio día), estes instrumentos eran empregados para convocar os veciños a xuntanzas, anunciaban mortes ou casamentos, chamaban a misa e indicaban mesmo a celebración de festas. Todas estas tarefas eran posibles grazas á existencia dunha linguaxe que identificaba cada un dos diferentes xeitos de tocar as campás cun acontecemento concreto, e que constituía un patrimonio inmaterial compartido por todos os veciños. O abandono do mundo rural, por unha banda, a extensión de novos medios de comunicación e a instalación de altofalantes no exterior das igrexas para dar avisos e retransmitir misas son algunhas da causas do abandono desta cultura do sino. Canda a estas razóns, hai que ter en conta a drástica diminución no número de fabricantes e de reparadores artesáns de campás nos noso país, e non se pode esquecer a falta cada vez maior de sacerdotes e sancristáns, uns dos principais transmisores deste saber, no noso agro. “Cando estábamos a preparar a actividade, comprobamos que ao buscar en Internet por campás os enlaces son todos de fábricas que ademais de facer estes instrumentos tamén fabrican sistemas electrónicos con gravacións para as substituír”, explica Xabier Camba, “hoxe xa hai moita xente que non entende a linguaxe e que non distingue se un toque é de morto ou é de enterro, e iso que son moi diferentes”.

O saber
Ademais do taller práctico, a actividade incluíu unha xornada teórica, o sábado quince, na que se tentaba inserir o mundo das campás dentro do seu contexto cultural. Deste xeito, a historia destes instrumentos, a presenza das campás na literatura galega ou uns breves apuntamentos sobre o xeito de tocar formaron o corpo teórico deste primeiro curso. “Contactamos con Alfonso Chedas Sangiao, que era unha das persoas de por aquí que sabía facer isto”. De xeito curioso, en Ouzande o coñecemento sobre a arte de tocar os sinos está máis estendido do que noutros lugares. O responsable da asociación explícao polo curioso método que aínda teñen os veciños de encargarse da sancristía. “Hai unha tradición para ver quen é sancristán na parroquia. Cada ano encárgase unha familia, que son os que tocan se saben, e se non, delegan en alguén que si saiba. A orde organízase segundo o ano de casamento, e esta é unha das razóns polas que aquí se conservou bastante este coñecemento, e mesmo hai nenos que aínda saben tocar”.

Os dialectos dos sinos
O coñecemento sobre os toques da campás forma parte da cultura popular galega, e existe unha grande variedade “dialectal” desta linguaxe, como puideron comprobar nas xornadas de Ouzande. “Cando se falou do tema de como se tocan as campás para morto, xurdiu a discusión de se é certo que cando morre un rico tánxese de xeito diferente, máis pausado e máis grave, que cando morre un pobre”, apunta Camba. “Había quen dicía que si, pero o cura aseguraba que en todos os lugares nos que el estivera tocábanse sempre igual”. Tamén foi motivo de polémica a existencia de toques diferenciados para homes ou mulleres, que moita xente asegurou coñecer. E aínda máis. “Nós pensábamos que o ritmo de repenicado era máis ou menos semllante en todas as partes, pero un rapaz dun concello veciño asegurounos que alí tocaban o repenique para festa con ritmo de muiñeira, aínda que claro, iso dependería do tanxedor”, apunta o presidente da Fervenza. As xornadas tamén serviron para facer memoria de toques hoxe practicamente esquecidos, “os toques de rezo facíanse antes a mediodía e mais a final da tarde, e servían tamén coma referencia horaria para os labregos”.

Público para as campás
“A actividade tivo un impacto moi grande, mesmo contactou con nós xente do Conservatorio Folk de Lalín e faláronnos de lugares fóra de Galicia onde teñen museo de campás e tradicións sobre isto”, recoñece Camba. Arredor de trinta persoas achegáronse ás xornadas teóricas e nada menos que corenta e cinco se animaron a participar no curso práctico. “Había moita xente nova, e algunha xente maior que achegou o seu propio punto de vista e que se animou a tocar, moitos era a primeira vez que subían a un campanario”. Sorprendidos polo éxito, tanto mediático como de público da súa convocatoria, desde a Asociación Cultural “A Fervenza” están a xa a barallar a posibilidade de continuar con esta liña de traballo. “Cabe a posibilidade de que fagamos algunha actividade máis ambiciosa de aquí a uns meses”. Traer campaneiros e artesáns do campo, contactar con investigadores ou coñecer máis a fondo iniciativas semellantes do exterior son algunhas das propostas. Para o vindeiro número da revista do colectivo incluiranse diferentes artigos sobre este tema. Haberá que atender ás campás por se nos achegan máis novas sobre esta proposta.