Un estudo recompila documentación sobre as campás no Camiño de Santiago en Galicia

Badaladas.gal permite coñecer as súas características físicas e históricas e escoitar os seus sons

FOTOGRAFÍA DE BADALADAS.GAL
FOTOGRAFÍA DE BADALADAS.GAL
As campás, como calquera instrumento musical artesanal con certa antigüidade ten a característica de formar parte do patrimonio material coma obxecto físico e do inmaterial polo seu son e manipulación creativa deste, xa sexa musical ou coma medio de comunicación na distancia. O proxecto Badaladas afonda no coñecemento en profundidade das campás, neste caso enfocado naquelas que se poden atopar nos camiños de Santiago, Francés e Primitivo. A través da páxina web Badaladas.gal este proxecto apoiado polo programa O teu Xacobeo recompila e expón información sobre 80 campanarios, 191 campás inventariadas e as súas características e mesmo o distinto son e utilidade dos toques cos que se transmite información aos veciños e veciñas das parroquias. A Asociación Campás e Camiños, representada por Jesús Álvarez Lozano, está detrás deste estudo sobre a importancia patrimonial e etnográfica das campás que permite ir desde a Fonsagrada ou o Cebreiro ata Santiago sobre un mapa interactivo de campanarios. O web ofrece fotografías, datos e inscricións das campás ademais de permitir escoitar o seu son e afonda rna linguaxe dos seus toques.

O perigo de que o coñecemento desta linguaxe se perda en boa parte do país levou á Asociación A Fervenza de Ouzande, na Estrada, a organizar fai 15 anos unhas xornadas nas que ofreceu un curso práctico para tanxer as campás e sobre o que en Cultura Galega.gal fixemos en 2005 unha reportaxe e unha mostra interactiva á que se pode acceder na ligazón ao pé deste texto.