As empresas galegas volven do MIPCOM de Cannes con moitos contactos e futuros socios

Feira de televisión

Seis empresas galegas acaban de ir a Cannes a vender os seus traballos audiovisuais. Trátase do MIPCOM, o mercado de televisión máis importante de Europa e o lugar no que se compra, vende e se fan os contactos para materializar os proxectos que veremos na pequena pantalla nos vindeiros anos. Falamos coas produtoras galegas que, baixo o paraugas do Consorcio Audiovisual, se desprazaron ata a localidade francesa para ver como lles foi.

Filmanova, TV7, Nezcom, Creárea, R ,o operador galego do cabo, e Televisión de Galicia acudiron a semana pasada ao MIPCOM para negociar cos produtos audiovisuais destinados para a pequena pantalla. O sentir xeral é que a súa presenza foi moi positiva porque, aínda que volven con poucos ou ningún contrato, fixeron moitos contactos que posiblemente se materializarán nos vindeiros meses. Non foi a única coincidencia dos participantes galegos, senón que todos valoraron a necesidade de acudir a este tipo de mercados e o bo traballo feito polo consorcio.

O paraugas
Este ano o Consorcio Audiovisual de Galicia estreouse na súa liña de apoio ás empresas para que asistan a mercados sectoriais de promoción e fomento do audiovisual. Este apoio en feiras, que tecnicamente se chama “Paraugas”, concrétase en axudas económicas ademais de facilitar un posto propio máis vistoso para as produtoras. Fontes do Consorcio comentan que “ademais das axudas para a asistencia á feira (un máximo de 10.000 euros anuais por empresa), nós tramitámoslle a solicitude, organizamos un espazo para que poidan presentar os produtos e preparamos información práctica para a súa viaxe”. No caso concreto do MIPCOM, as seis empresas que acudiron baixo o paraugas do Consorcio pagaron 644.64 euros por persoa e non os 1140.80 que custaba a inscrición libre. E non só iso, Rubén Coca de Nezcom apunta un dato máis “asistir baixo o paraugas do Consorcio supuxo que nos colocaran nun bo lugar e, estar nun lugar de preferencia, dáche máis posibilidades”.

A importancia
A máxima de “ser é estar” cobra toda a súa importancia neste tipo de eventos. Para Fernando Blanca de Creárea “en primeiro lugar, para presentarse e darse a coñecer ao mercado nacional e internacional mediante o establecemento de contactos importantes e interesantes con produtoras, distribuidores, televisión e institucións mediante a presentación duns proxectos sólidos con proxección internacional e, en segundo lugar e ligado o anterior, o obxectivo de vender as nosas obras aos axentes máis relevantes e interesantes do noso ámbito e nicho de mercado”. Tanto o caso de Creárea como o de Nezcom, gardan unha similitude xa que son empresas de moi recente creación. Por iso non resulta estrano que Rubén Coca de Nezcom considere que “a nosa intención, máis que vender, era dar a coñecer a produtora e os nosos proxectos para poder establecer alianzas e futuros coprodutores”. Como Filmanova, xa ten unha certa traxectoria, para Luísa Romeo, os seus obxectivos eran máis concretos, buscar clientes e contactos para “Rita e Flinch”, unha serie de animación en 3D baseada en imaxe real. O resultado non foi malo porque, segundo Luísa “tivo moi boa acollida por televisións canadenses, estadounidesenses, xaponesas... pero todos estes contactos non se concretan no festival, senón nos vindeiros meses”.

O caso de Televisión de Galicia é lixeiramente diferente porque acudía cunha dobre vertente. Por unha banda como exhibidora para mercar produtos que emitir e, pola outra, acode para vender os traballos que coproduce con outras empresas. Desta segunda faceta falamos con Lola Marín para quen a viaxe a Cannes lle supuxo a súa terceira experiencia neste tipo de negocios. A anterior visita tamén foi nesta localidade francesa no pasado mes de abril, no Miptv, no que se iniciaron unha serie de contratos que se pecharon nesta edición. Lola asegura que este “modus operandi” é o habitual, xa que “nunca se pecha nada alí, a non ser que estea tratado de antes”. De feito, os contratos que trae pechados debaixo do brazo desta edición son asuntos que levaba varios meses xestionando. Lola cre que a continuidade, é dicir, a asistencia a este tipo de eventos é básica para que se poidan seguir facendo máis contactos e poder vender os traballos.

Os produtos
Todos os que se inscribiron no MIPCOM antes do sete de setembro formaron parte do catálogo oficial que edita a feira para os seus participantes. Entre o catálogo e os contactos soubemos dos seus produtos. Nezcom, unha empresa especializada en entretemento de consumo rápido a partir de traballos de pequeno formato acudiu con tres proxectos. “One day on earth” que, segundo Rubén Coca, era “un documental de 24 horas que pretende ofrecer unha visión do que pasa no mundo”; o segundo, titulado “Culebrita” era “unha parodia que recolle o bo e o malo dos culebróns en capítulos de 30 segundos” e o terceiro trátase de “series de comedia de trinta segundos de duración onde o compoñente principal é rodar sen prexuízos que a idea inicial non se perverta”. Pola súa parte Creárea presentou catro documentais que están en diferentes etapas de desenvolvemento. “Muxía, a ferida” é un traballo acabado, que ten previsto a súa estrea na TVG en breve e que recolle como a traxedia do Prestige cambiou a vida dos veciños de Muxía. En desenvolvemento-preprodución está a serie de catro capítulos titulada “De Ferrol Bilbao, memoria dos Indianos” que recolle a historia dos Indianos seguindo a liña trasncantábrica Feve. Os outros dous proxectos, aínda en proceso de busca de socios, venda e produción están “As fillas do latín”, para explicar como se formaron as lingua románicas procedentes do latín e “Personaxes da rúa”, que Fernando Blanco define como “un novidoso microformato de contido cultural ideal para patrocinios en televisión do que moi pronto escoitaremos falar e gozar nas nosas pantallas”.

As tendencias
Malia que é un mercado sectorial e polo tanto hai espazo tanto para produtos xeneralistas como para produtos moi específicos, os produtores galegos atrévense a ofrecer tendencias sobre o futuro da televisión. Principalmente o futuro da televisión pasa pola dixitalización tanto nas emisións como na produción. Fernando Blanca, de Creárea, asegura que “do lado da calidade, a tendencia pasa por producir en alta definición (HD) e, do lado dos contidos, pola especialización”. Rubén Coca apunta unhas cuestións máis. Por unha banda que cada vez se demandan produtos de máis curta duración, pola outra “existe unha gran oferta de telenovelas por todas partes e que o mercado asiático, cara onde hai que ollar con atención, se está poñendo de animación”. O resultado terémolo na televisión a partir do vindeiro ano.