Obras e homenaxes en Ferrol, o programa da NASA e o FestiALT

Teatros a máis

Ferrol está de teatro. O éxito da obra "Compañía", que se estrea mañá fará que o ciclo Xoves Teatrais se amplíe esta semana tamén ó mercores. Ademais, nesa mesma cidade a asociación Amigos da Paisaxe Galega homenaxeará a formación "Teruca Bouza. Por outra banda, en Santiago a NASA vénde presentar o seu programa para os vindeiros tres meses, no que se inclúe o FestiALT, que organiza coa Sala Galán.

Mércores Teatrais


Mañá representarase en Ferrol a obra "Compañía", dentro do ciclo Xoves Teatrais. O éxito que está tendo esta obra na súa xira por Galicia fixo que a cita teatral nesta cidade se ampliase un día, sendo a primeira vez que os Xoves Teatrais se amplían ata o mércores. A obra, protagonizada pola parella de actores que centran o argumento da serie da TVG "Platos Combinados", narra a soidade dun matrimonio en clave de comedia. O recoñecemento popular dos seus autores veu espertando unha grande aceptación en todas as vilas e cidades nas que actuaron, e animou ós organizadores do ciclo a ampliar as datas de representación. A obra poderá verse o mércores o xoves no Centro Torrente Ballester a partir das oito e media da tarde.


Homenaxe



A formación Amigos da Paisaxe Galega homenaxeará a formación "Teruca Bouza", nacida en 1990 dentro do seo desta mesma asociación. Desde entón, este grupo leva representadas oitos obras de carácter cómico. O nome da formación débese a unha antiga socia da entidade que, logo de voltar de Nova York, montou as primeiras asociacións de teatro afeccionado en Ferrol. Ademais deste grupo, desde a asociación promóvese unha escola de teatro infantil para nenos e nenas de entre nove e doce anos.


NASA (e Galán)

A Nave de Servicios Artísticos (NASA) de Compostela, vén de presentar o seu programa ata comezos de abril. Este programa inclúe concertos tan destacados coma o de Thee Virus, MDR, Skarnio ou Projecto Ninguém, ademais de representacións coma as de Berrobambán. O prato forte destes meses será a o Festival Alternativo de Música e Danza que esta sala acolle a partir do 21 de Marzo e que presentará as útltimas tendencias neste tipo de espectáculos. Entre as compañías que participarán están a Carnicería Teatro de Madrid ou a General Eléctrica de Barcelona. Podes descargar os programas completos desde os nosos enlaces relacionados.